O Pleno Ordinario do mes do outubro de Ames celebrarase o xoves, 28 de outubro, ás 20:00 horas na Casa do Concello. Na sesión debatérase a aprobación do regulamento do Consello Sectorial de Nenos e Nenas e a ratificación do decreto da Alcaldía 3260/2021 do 15.10.2021, da 2ª fase do POS + adicional 2/2021, mediante o proxecto das Obras Camiño en Barouta e outros. O importe total é de 22.718,96 euros (IVE incluído). Ademais, no pleno tomará posesión da súa acta de concelleiro Pablo Beiroa Pampín que substitúe a Ramón Argibay no grupo municipal do Partido Popular despois da súa renuncia no pleno do mes de setembro. O pleno será retransmitido en directo por streaming.
O Consello sectorial de Nenos e Nenas, cuxa creación foi aprobada no pleno ordinario do 30 de setembro, contará, de saír adiante a proposta que o grupo de goberno lena a pleno, cun regulamento propio. Este é un dos puntos da orde do día da sesión plenaria do mes de outubro que terá lugar o xoves, 28 de outubro na Casa do Concello. Na proposta que se presenta para a aprobación deste regulamento indícase que unha vez aprobado o texto haberá de someterse a exposición pública por espazo de 30 días hábiles mediante anuncio no BOP e taboleiro de anuncios da sede electrónica a efecto de exame e alegacións.
Un órgano de participación
O Consello sectorial de nenos e nenas é un órgano de participación que permitirá dar voz e coñecer de primeira man as inquedanzas dos/as menores de Ames. A súa función primordial será a de incorporar as vivencias da poboación infantil e favorecer a intervención de nenas e nenos nos debates, propostas, suxestións e queixas respecto a calquera actuación municipal. Tamén implica a proposta que os/as menores sexan informados e opinen sobre todas as actuacións doutras administracións públicas que actúen no municipio.
A proposta de regulamento que o grupo de goberno leva ao pleno ditamina asemade que serán nove os vogais de representación infantil, elixidos entre o alumnado dos Centros Escolares de Ames de entre 1º a 6º de Primaria. Tamén formarán parte, un representante de cada grupo político con representación municipal. En ámbolos dous casos, cada participante terá un suplente. A presidencia do consello será exercida polo alcalde ou a/o concelleira/o no que delegue e a secretaría por persoal técnico da concellería competente en materia de infancia.
Engádese na proposta de regulamento que a representación dos nenos e nenas nunca será inferior á representación política, incrementándose, cando fosa preciso, no grupo de 4º a 6º de educación primaria. Os representantes dos nenos e nenas renovaranse ao longo do mes de outubro de cada curso escolar. Por outra banda, solicitarase de UNICEF o nomeamento dunha persoa en calidade de asesor/a permanente deste órgano. Poderán asistir ás sesións do Consello, con voz pero sen voto, aquelas persoas e/ou asociacións que sexan convidadas pola presidencia ou a requirimento do Consello.
Participación na 2ª fase do Plan Único de Concellos
O Pleno debaterá asemade a ratificación do decreto da alcaldía 3260/2021 do 15 de outubro, de Participación na 2ª fase do Plan Provincial de Cooperación de Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan ünico de Concellos) Adicional 2/2021 da Deputación de A Coruña. A proposta de participación deste plan fase mediante o proxecto das Obras Camiño en Barouta e outros. O importe total é de 22.718,96 euros (IVE incluído).
O día 7 do mes de outubro de 2021 recíbese un requerimento sobre o presuposto desta obra que se aprobara na sesión plenaria do 31 de setembro de 2121, dao que o importe mínimo subvencinable é de 30.000 euros. En base a este requerimento, Ames encarga a redacción dun novo proxecto que redacta Pablo Blanco Ferreiro cun orzamento de execución pro conbtrata de 33.695,48 euros e que supón engadir ao proxecto xa aprobado unha noiva actuación. Por razóns de urxencia aprobase o novo proxecto e a participación no Plan Adicional 2/2021 mediante decreto da Alcaldía do 3260/2021 do 15 de outubro.
Con estes antecedentes, a Alcaldía propón ratificar o Decreto do 15 de outubro polo que se aproba a participación na 2ª Fase do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal (Plan Único de Concellos) Adicional 2/2021 da Deputación Provincial de A Coruña, mediante a aplicación do resto da maior achega provincial asignada non utilizada na 1ª Fase, a Bora do Camiño en Barouta e outros.
Toma de posesión do novo concelleiro do PP
No pleno tomará posesión da súa acta de concelleiro polo Partido Popular, Pablo Beiroa Pampín que substitúe a Ramón Argibay, até hai un mes portavoz do PP en Ames. Pablo Beiroa ten 25 anos e é natural de Biduído. É licenciado en dereito e foi presidente local e comarcal de Novas Xeracións entre os anos 2016 e 2019. Durante o mesmo período representou ao Partido Popular de Ames nos “Espazos Políticos” da emisora municipal. Na actualidade prepara oposicións para avogado da Xunta de Galicia.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Mellora viaria en Barouta e creación dun novo consello para os rapaces"