As sete modificacións e as tres derrogacións de ordenanzas fiscais que, a petición do grupo municipal do Partido Popular, tratáronse onte en Pleno Extraordinario, foron rexeitadas na súa totalidade. Os concelleiros e concelleiras do grupo do goberno votaron en contra de todos os puntos da orde do día, o PP a favor e os concelleiros de Ciudadanos e Ames Novo variaron o seus votos en cada unha das propostas, de xeito que nalgunhas cuestións abstivéronse, noutras votaron a favor e noutras en contra. A sesión, por mor da pandemia da Covid-19, celebrouse coa asistencia presencial do alcalde, a secretaria, a interventora e a tesoureira, e a asistencia telemática do resto dos/as concelleiros/as. Foi retransmitido en streaming a través da canle de directos do concello.
Na exposición de motivos, o voceiro do grupo popular, Ramón Argibay, manifestou que o pleno , aínda que era de contido económico, tiña un marcado carácter social e que non estaba pensado para amolar ao goberno, que non era un pleno partidista, senón partidario “partidario das persoas que están a pasar moitas dificultades por mor desta crise”. Argibay convidou á reflexión “temos os medios para facer da política unha ferramenta útil que axude ás persoas nesta crise pandémica que está deixando a moita xente na precariedade, acabando co emprego e a estabilidade de moitas familias”. Anunciou o voceiro do PP que a súa exposición valería para todos os puntos da orde do día: “falamos de taxas e impostos que repercuten sobre as familias, non falamos só de números porque detrás deses números o que propoñemos son beneficios para as persoas”.
Pola súa banda, a concelleira de Facenda, Gemma Otero, defendeu a postura do Goberno en contra da baixada e a derrogación de taxas, cualificando de “demagoxia fiscal” a proposta do Partido Popular: “é o xogo do Partido Popular facendo demagoxia fiscal coa baixada de todos os impostos e taxas públicas e o goberno municipal non vai entrar nese xogo, non consideramos que a proposta sexa razoable”. Otero manifestou que esa baixada e derogación de taxas suporía unha diminución na recadación municipal de 4.000.000 de euros e que os informes técnicos “confirman que estamos no camiño correcto”. A concelleira de Facenda engadiu que “aceptar a proposta suporía para o concello poñer un freo nas políticas públicas amesáns, unha redución no gasto e unha merma na calidade dos servizos, nas actividades e nos investimentos públicos; poríanse en perigo as políticas sociais e incumpriríase a legalidade do principio de estabilidade orzamentaria”. A concelleira anunciou ao remate da súa exposición que interviría unha única vez no pleno.
Foi un pleno con pouco debate e en moitos casos este estivo protagonizado polos concelleiros do grupo mixto, Quique Costas de Ames Novo e Xosé Ramón Oulego de Ciudadanos. Oulego dixo que coincidía en que procede unha rebaixa das taxas “como xa trasladamos no borrador de orzamentos e moitas están na liña deste pleno extraordinario”; dixo tamén que coincidía na chamada á reflexión que pedía o PP, pero que cría que este pleno debería de terse celebrado antes do Pleno de Orzamentos: “creo que neste momento o pleno non vai servir máis que para sacar unha nota mañá e por riba vai custarlle cartos aos veciños de Ames” . Pola súa banda, Quique Costas manifestou que estaba de acordo en que era fácil facer demagoxia cos impostos, e que á xente había que explicarlle o que paga e porque o paga, dixo ademais que “coincidir no sentido do voto, non significa coincidir nos motivos”. Costas explicou a súa postura con respecto a todos os puntos e argumentou o sentido de cada un dos seus votos.
Sete modificacións e tres derrogacións
No pleno debateuse a modificación do artigo 13 da ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre bens inmobles, reducindo o tipo de gravame aplicable aos bens inmobles de natureza urbana ao mínimo legal do 0,40%; a modificación da ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre vehículos de tracción mecánica, equiparando as cotas tributarias ás recollidas no artigo 95.1 do texto refundido da lei reguladora de facendas locais (aprobado polo real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo); modificación da ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre construcións e instalacións e obras reducindo o tipo impositivo ao 0,10%, e a modificación do artigo 14 da ordenanza fiscal do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana reducindo o tipo impositivo ao 1%.
Tamén se tratou a modificación do anexo I da ordenanza fiscal reguladora da taxa por actividades e servizos relacionados coa hixiene urbana, rebaixando nun 20% todas as tarifas contidas no anxo I da ordenanza; a modificación do artigo 6 da ordenanza fiscal reguladora da taxa polo saneamento e depuración de augas residuais reducindo nun 20% as cotas tributarias; e a modificación do artigo 6 da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola subministración da auga rebaixando nun 20% as cotas tributarias.
Abordouse asemade, a derrogación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola licenza de apertura de establecementos ou pola actividade de control posterior daquelas actividades sometidas a comunicación previa ou declaración responsable; a derrogación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por expedición de licenzas urbanísticas; e maila derrogación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por expedición de documentos administrativos.
Comisión informativa previa
Todos os puntos foran ditaminados desfavorablemente na Comisión informativa permanente de Económica e Facenda e Especial de Contas celebrada o pasado 17 de marzo. Votaran a favor os membros do Partido Popular de Ames, mentres que os concelleiros/as do grupo de goberno votaron en contra, e os concelleiros do grupo mixto abstivéronse.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El tripartito de Ames rechaza la rebaja fiscal que pidió el PP y votó Ciudadanos "
El Correo Gallego: "Miñones: mudo en el pleno que intentó bajar impuestos a pesar de su magnífico salario"
Lindeiros: "Ames non aproba a rebaixa de impostos"
Revista AmesGo: "O pleno rexeita as baixadas fiscais do PP"