Solapas principales

O PP quere instar á Xunta e á Deputación a que melloren varias estradas de Ames

Jueves, 10 de abril de 2025

O PP de Ames, no seu afán de mirar sempre polos veciños, vai presentar unha moción no próximo pleno para instar á Xunta de Galicia e á Deputación da Coruña a que acometan unha serie de melloras moi necesarias en varias estradas do municipio.

O concello de Ames conta cunha importante rede de infraestruturas viarias nos 94 quilómetros cadrados do seu territorio. A maior parte destas vías son de titularidade municipal, máis outras pertencen a outras administración provincias, autonómicas e estatais, como son a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Transportes.

A voceira do PP local, Oliva Agra, sinala que “o que buscamos e garantir a seguridade de todos os veciños e procurar para eles unha mellor calidade de vida. Estas propostas que agora facemos non veñen a ser máis que unha prolongación ó noso apoio á declaración institucional aprobada no Concello que demandaba a adopción urxente de medidas de mellora da seguridade viaria na estrada AC-544, que une Bertamiráns con Negreira”.

A zona norte do concello está afastada dos principais núcleos urbanos, o que fai que os veciños teñan que desprazarse en vehículo propio a estes puntos pero as infraestruturas non están preparadas para ofrecer o servizo que demanda esta realidade.

“As conexións co transporte urbano teñen moitísimas limitacións polo que os veciños están obrigados a utilizar o seu propio coche para circular por estradas que polo seu estado convértense en perigosas para quen vai ó volante pero sobre todo para os peóns”, puntualiza a voceira do PP amesán, Oliva Agra.

As actuacións en materia de mellora de seguridade viaria nas estradas autonómicas e locais das parroquias de Ames, Lens, Ameixenda, Tapia e Piñeiro centráronse na reposición de firmes deteriorados co paso do tempo máis non se efectuaron intervención importantes na procura dunha mellor seguridade dos condutores e viandantes destas parroquias.

A estrada AC-453 de titularidade autonómica, que transcorre entre Roxos, no Concello de Santiago, e Portomouro, no Concello de Val do Dubra, é unha vía da rede secundaria moi utilizada pola veciñanza para os seus desprazamentos diarios, tanto a pé como en vehículo. E en moitos tramos non existen beirarrúas que garantan a seguridade dos peóns o que obriga ás persoas que camiñan por eses tramos a compartir asfalto cos vehículos, co perigo que iso implica para quenes en moitas ocasións teñen que camiñar pola cuneta para evitar ser atropelados.

Oliva Agra ten claro que “o rural de Ames ten unha gran carencia no que se refire a beirarrúas e cada vez son zonas que soportan máis tráfico polo que a seguridade dos camiñantes debe ser prioritaria para todos. E desde o PP incluso consideramos que non estaría de máis facer unha avaliación seria para corrixir dunha vez por todas esas eivas alá onde sexa necesario”.

O PP considera necesario dotar de beirarrúas os tramos que carecen das mesmas para garantir a seguridade de todos os veciños e veciñas que camiñan cada día por esas zonas e tamén ve necesario realizar un mantemento das cunetas cunha limpeza periódica, para deste xeito facilitar que as pluviais non invadan a estrada, e poidan ocasionar accidentes ou deterioro do pavimento.

A voceira do PP amesán pon o foco nun dos centros educativos do rural, o CEIP de Barouta. “As peticións da comunidade educativa de Barouta son máis que xustas. É máis, tratándose dun colexio xa terían que estar atendidas”.

O CEIP de Barouta atópase ao carón da AC-453 e desde fai tempo a comunidade escolar está a reclamar unha serie de medidas que melloren a seguridade do entorno do centro educativo. É imprescindible controlar a velocidade dos vehículos, mellorar a sinalización e habilitar pasos peonís.

A estrada de titularidade provincial CP-0201 que une a aldea da Mámoa, na parroquia de Tapia, coa aldea de Pontemaceira, carece de beirarrúas en todo o seu percorrido polas principais aldeas das parroquias de Ames e Lens. O PP cree que é preciso dotar de beirarrúas esta estrada entre Seares de Arriba e o cruce coa AC-543 (na parroquia de Tapia) e a aldea de Lens.

Unha situación similar teñen que vivir día a día os veciños da aldea de Quintáns, na parroquia de Ames, que teñen que transitar pola cuneta para poder desprazarse polo núcleo. A maiores, compre poñer de manifesto que dende fai décadas non se actuou no firme desta estrada, o que xustifica as fochancas que se atopan na vía.

Moitas destas deficiencias foron expostas coas achegas que o Partido Popular fixo ao longo dos anos ao Plan de Obras e Servicios da Deputación da Coruña, sin que ata a data tivesen acollida en ningún plan pese a que, como puntualiza Oliva Agra “non deixan de ser peticións moitas veces sinxelas e desde logo máis que xustas para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e ofrecerlle a seguridade viaria que merecen”.

O PP vai propoñer ó pleno de Ames que inste á Xunta de Galicia que na estrada AC-453 que une os lugares de Roxos e Portomouro, e que discorre maioritariamente polo concello de Ames, realice un ancheamento naqueles puntos mais estreitos da vía, e que significan un perigo para o tráfico, que dote de beirarrúas aqueles tramos nos que non existan -de Quintáns a Cruxeiras (Ames); de Frenza a Vilouta (Tapia); e en Vilaverde, Fernande e Balindo (Piñeiro)-, e que mellore a seguridade viaria no entorno do CEIP de Barouta coa mellora da sinalización, elementos disuasorios para o exceso da velocidade e colocación dun paso de peóns.

Pola súa banda, o PP tamén propón solicitar á Deputación da Coruña que na estrada CP-0201 dote de beirarrúas o vial entre o cruce coa AC-543 ata o núcleo de Seares de Arriba; que leva a cabo a construción dunha senda na aldea de Lens; que mellore o firme naqueles puntos que sexa preciso; e que na estrada CP-0202 faga beirarrúas na estrada provincial ao seu paso pola aldea de Quintáns e mellore o firme naqueles puntos que sexa preciso.

Con esta moción o PP quere poñer en valor que a seguridade dos veciños está por diante de todo e deixar clara a necesidade de acometer canto antes todas as melloras que se propoñen para garantir a seguridade vial dos peóns e tamén dos condutores que circulan polas estradas do municipio de Ames.

O PP quere instar á Xunta e á Deputación a que melloren varias estradas de Ames

Multimedia

  • O PP quere instar á Xunta e á Deputación a que melloren varias estradas de Ames
  • O PP quere instar á Xunta e á Deputación a que melloren varias estradas de Ames
  • O PP quere instar á Xunta e á Deputación a que melloren varias estradas de Ames