Solapas principales

O PP quere respostas polo caos do Milladoiro

Viernes, 24 de enero de 2025

Os resultados do que vai ser a humanización do Milladoiro xa se empezan a ver. Este martes, con un carril de baixada e outro de subida, tal e como vai quedar definitivamente, viviuse un auténtico caos. O PP, xa desde sempre, expresou a súa oposición a esta obra na avenida Rosalía de Castro e a súa preocupación polo resultado final. O PP bota de menos un estudo antes de empezar os traballos para desviar os coches de forma eficiente e efectiva.

Este martes o caos foi total, con atascos de tráfico xa desde as sete e media da mañá con prexuízo, xa non só para os usuarios da N-500 que non son de Ames, senón para os propios veciños que tiveron dificultades para chegar a tempo ao seu posto de traballo e mesmo para os rapaces que sufriron o atraso do bus escolar.

A recomendación do goberno local e do seu alcalde, Blas García, de desviar o tráfico polas rúas paralelas e polas aldeas máis achegadas ao Milladoiro semella ser unha ocorrencia máis de quen dirixe o municipio a golpe de improvisacións. Por iso o PP quere saber se existe algún estudo previo ou de que xeito se van aminorar as molestias aos veciños.

Desde hai tres meses uns aforadores de tráfico están instalados na avenida Rosalía de Castro disque para captar uns datos que permitan redistribuír os vehículos de forma razoable. Pero nada se sabe desas referencias, que desde o PP consideramos que poden ser importantes para coñecer a realidade da N-550 e como se vai transformando o fluxo de coches que xa optan por outras vías. O Grupo Municipal interesouse por este tema. Preguntado o concelleiro de Obras a súa resposta é que o goberno local non dispón deses datos xa que os aforadores foron instalados polo Ministerio de Transportes. E o Concello de Ames non se molestou en coñecer a realidade do tráfico no Milladoiro? O PP segue a esperar a resposta.

Tamén o PP se interesa por saber en que lugar se vai instalar a parada de taxis ou mesmo a dos autobuses sen prexudicar ós veciños para que poidan ter cerca un servizo tan esencial.

E o que desde o PP consideramos máis importante. Tanto coa obra como despois a redución de prazas de aparcamento é importante nun núcleo no que xa de por si escasean. Estaría ben saber que solución se vai adoptar desde o goberno local para poñer remedio a un dos problemas máis destacados do Milladoiro. E non un parche momentáneo porque o Milladoiro ten un serio problema de aparcamento.

Non sabemos aínda que solucións vai aportar unha comisión de seguimento, que polo que semella, vai ser de parte xa que de momento só se coñece que os seus membros son todos defensores dunha humanización que xa amosa o que vai ser finalmente nestes inicios dos traballos. O tempo dirá se é efectiva ou simplemente é unha medida estética.

O que se exixe desde o PP e menos improvisación, máis seriedade e sobre todo solucións para todos os veciños, que non teñen que pagar as ocorrencias de ninguén con unha obra imposta e que para nada vai mellorar o Milladoiro senón, polo visto xa, non vai facer mais que xerar máis problemas.