- Tematica
A Concellaría de Educación continúa coa súa programación de iniciativas para favorecer a conciliación entre as familias amesás coa posta en marcha do Setembro Lúdico 2019. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o luns 22 de xullo, mentres que o lúdico desenvolverase os días 2, 3, 4, 5, 6, 9 e 10 de setembro. O Setembro Lúdico ofrece, como o resto dos programas lúdicos organizados polo Concello de Ames ao longo do ano, a posibilidade de solicitar o servizo de almorzo ou o de xantar. Premendo nas ligazóns dispoñibles baixo esta nova poderás obter o formulario de inscrición, a listaxe de prezos e o regulamento dos programas lúdicos.
O Concello de Ames pon en marcha, un ano máis, o programa Setembro Lúdico, co obxectivo de facilitar a conciliación ás familias empadroadas no concello. A través deste servizo, dirixido a crianzas de entre 3 e 12 anos, ofértanse unha serie de actividades lúdicas e culturais, orientadas non só a entreter ás máis cativas e cativos durante os últimos días de vacacións, senón tamén a potenciar a súa formación educativa e emocional e a promover a súa autonomía persoal.
Os requisitos para participar nalgún dos programas de conciliación é que os nenos e nenas estean escolarizados nalgún dos centros educativos de Ames e que pertenzan a unha unidade familiar empadroada na súa totalidade no Concello de Ames, no momento de presentar a correspondente solicitude. Tamén haberá que acreditar a necesidade da conciliación da vida laboral e familiar por parte dos dous proxenitores ou titores. Por último, os solicitantes deberán estar ao día no pagamento de todos os servizos ofertados polo Concello de Ames, e en xeral, non ter débedas co Concello.
Entre as 9:00 e as 14:00 horas desenvolveranse todas as actividades e xogos que engloba este programa, pero as familias poden solicitar o servizo Bos Días, que comeza ás 7:30 horas, ou o servizo de comedor. As nenas e nenos que non o soliciten serán recollidos ás 14:00 horas, os e as demais usuarios sairán ás 16:00 horas.
Trámites de inscrición
O prazo de inscrición comezou o 8 de xullo, e estará aberto ata o día luns 22 de xullo. Os interesados/as poden recoller a documentación necesaria no departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, na Oficina municipal do Milladoiro ou na propia páxina web municipal.
A entrega da documentación farase no rexistro municipal na Casa do Concello, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ou nas oficinas municipais do Milladoiro, entre as 09:00h e as 14:00 horas. As inscricións tamén se poden entregar a través do rexistro telemático.
Unha vez rematado o prazo de inscrición publicarase a lista de admitidos/as na que se indicarán os lugares das actividades por grupos nos taboleiros de anuncios da Casa do Concello, do Pazo da Peregrina e da Oficina Municipal do Milladoiro. Tamén se publicarán na sección de Aviso da web municipal. Para máis información poden chamar ao departamento de Educación marcando o número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.