A Concellaría de Educación continúa coa súa programación de iniciativas para favorecer a conciliación entre as familias amesás coa posta en marcha do Setembro Lúdico 2020. O prazo de inscrición permanecerá aberto dende o luns 27 de xullo ata o venres 7 de agosto. Este programa lúdico desenvolverase do 1 ao 9 de setembro. O Setembro Lúdico ofrece, como o resto dos programas lúdicos organizados polo Concello de Ames ao longo do ano, a posibilidade de solicitar o servizo de almorzo ou o de xantar. Premendo nas ligazóns dispoñibles baixo esta nova poderás obter o formulario de inscrición, a listaxe de prezos e o regulamento dos programas lúdicos.
O Concello de Ames pon en marcha, un ano máis, o programa Setembro Lúdico, co obxectivo de facilitar a conciliación ás familias empadroadas no concello. Este servizo está dirixido aos nenos e nenas escolarizados/as no segundo ciclo de educación infantil e primaria. É obrigatorio haber pasado o período de adaptación, polo que non poderán acceder ao programa os nenos/as matriculados no curso 2020-2021 no primeiro curso de infantil.
Outro dos requisitos para poder participar neste programa é que os nenos/as pertenzan a unha unidade familiar empadroada na súa totalidade no Concello de Ames, no momento de presentar a correspondente solicitude. Tamén haberá que acreditar a necesidade da conciliación da vida laboral e familiar por parte dos dous proxenitores ou titores. Por último, os solicitantes deberán estar ao día no pagamento de todos os servizos ofertados polo Concello de Ames, e en xeral, non ter débedas co Concello.
Entre as 9:00 e as 14:00 horas desenvolveranse todas as actividades e xogos que engloba este programa, pero as familias poden solicitar o servizo Bos Días, que comeza ás 7:30 horas, ou o servizo de comedor. As nenas e nenos que non o soliciten serán recollidos ás 14:00 horas, os e as demais usuarios sairán ás 16:00 horas.
Trámites de inscrición
O prazo de inscrición comeza o luns, 27 de xullo, e estará aberto ata o venres 7 de agosto. Os interesados/as poden recoller a documentación necesaria ao pé desta nova, no apartado de Trámites, e no departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina en Bertamiráns.
Os pais/nais dos nenos/as que participen este ano no Setembro Lúcido deberán asinar unha declaración responsable antes de comenzar o programa. Unha vez cuberta terán que entregarlla aos/ás coordinadores/as, que haxa en cada lugar habilitado o primeiro día de inicio do programa.
Documentación a achegar coas solicitudes
Os interesados/as deberán achegar a seguinte documentación coas solicitudes (salvo que xa obre en poder do departamento de Educación): copia auténtica ou cotexada do libro de familia; copia auténtica ou cotexada do DNI do titular da conta; documentación que indique a ocupación dos pais/nais, titores/titoras (certificados de traballo, e de ser o caso certificación de estar realizando cursos de formación ou calquera outra que especifique a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar). De ser o caso, informe médico que acredite a necesidade de dieta ou calquera outro tipo de tratamento especial No caso de ruptura da unidade familiar, documentación que o xustifique.
Lugar de presentación de solicitudes
A entrega da documentación farase a través do Rexistro telemático a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Outra opción é presentar a documentación nas Oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns), mediante solicitude de cita previa chamando ao teléfono 696 650 173 ou a través do correo electrónico rexistro@concellodeames.gal/ registro@concellodeames.gal ou calquera outro rexistro ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro de procedemento administrativo común das AAPP.
Unha vez rematado o prazo de inscrición publicarase a lista de admitidos/as na que se indicarán os lugares das actividades por grupos nos taboleiros de anuncios da Casa do Concello, do Pazo da Peregrina e da Oficina Municipal do Milladoiro. Tamén se publicarán na sección de Aviso da web municipal. Para máis información poden chamar ao departamento de Educación marcando o número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.
>>ACCEDE AO TRÁMITE DE INSCRICIÓN NOS PROGRAMAS LÚDICOS E ESCOLA DE VERÁN