Solapas principales

O presidente da Xunta e o alcalde de Ames visitan o novo Centro de Saúde do Milladoiro

Viernes, 08 de enero de 2021

O alcalde de Ames, Jose Miñones, recibía ás 10:30h da mañá de hoxe ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para acompañalo na visita ao novo Centro de Saúde do Milladoiro. Ámbolos dous mandatarios estiveron acompañados dunha ampla representación de persoas e cargos da área sanitaria. Trala visita, o alcalde de Ames agradeceu á veciñanza do Milladoiro os anos de espera, os desprazamentos para atender cuestións sanitarias e o respecto a pesares de convivir coas carencias do anterior centro. Pola súa banda, o presidente da Xunta anunciou que a Xunta estaba adxudicando a reforma do Centro de Saúde de Bertamiráns. O novo Centro de saúde do Milladoiro atenderá a 15.000 persoas. Durante esta fin de semana realizarase o traslado e o acondicionamento final para que o vindeiro luns poida abrir as súas portas ás/aos pacientes. 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor López, a xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Eloína Núñez, e representantes de Construcións Ramírez SLU, a empresa que construíu o edificio, acompañaron ao presidente e ao alcalde na visita ás instalacións do Centro de Saúde do Milladoiro, que guiou o director da obra, Manuel Vázquez. Xornalistas e cámaras de todos os medios de comunicación de Galicia seguiron o percorrido polas instalacións. Visitáronse a área de información, a área COVID, as áreas de medicina de familia, ás de enfermería e farmacia, e as áreas de odontoloxía, hixienista dental e fisioterapia, estas últimas ofrécense como novidade con respecto ás que se prestaban nas vellas instalacións.

Tras a visita, e diante dun elevado número de cámaras e xornalistas, o primeiro en falar foi o alcalde de Ames. José Miñones agradeceu aos veciños e veciñas do Milladoiro “por todos estes anos de espera, polos desprazamentos a Santiago para ir ao dentista ou ao fisioterapia, ou ben por convivir coas carencias do anterior centro e sempre dun modo respectuoso”. Tamén ao presidente “por cumprir co compromiso” e aos profesionais do Centro de Saúde xa que eles e elas son os/as primeiros/as en soportar as deficiencias e, sobre todo, en aguantar as queixas da veciñanza e fixérono de forma profesional atendendo un centro que quedou moi pronto moi pequeno para a poboación do Milladoiro”.

Lembrou Miñones aos conselleiros e ás conselleiras que “ao longo destes doce anos tiven a sorte de compartir e reunirme con eles” e aos nosos compañeiros/as de Goberno e da Corporación e aos grupos da oposición “porque, se algo foi común nestes anos, foi o compromiso de toda a Corporación municipal de Ames para facer de forma unánime este Centro de Saúde, a cesión da parcela e o apoio”. Lembrou asemade Miñones aos alcaldes e ás Corporacións pasadas “porque, loxicamente, estiveron moitos anos traballando para acabar este Centro de Saúde” e tivo unha lembranza especial para o persoal do Concello “que traballou tamén arreo nestes anos para acadar urbanisticamente a xestión da parcela”.

Pola súa banda, o presidente, Alberto Núñez Feijóo manifestou que “estamos ante un Centro de Saúde modélico, no só en Galicia senón en toda España, un Centro de Saúde co que saldamos unha débeda que tiñamos co Concello de Ames, un dos concellos de maior crecemento poboacional; este centro, cos seus 2.100 metros de superficie, multiplica por cinco o vello; o centro, que custou 2.600.000 euros, atenderá a 15.000 pacientes e na medida que vaian medrando o número de tarxetas sanitarias tamén iremos ampliando a dotación de persoal”. Feijóo gabou tamén as excelencias da edificación “a estrutura de espiña de peixe con luz e patios arborizados que favorece a práctica asistencial e o confort do persoal sanitario que traballará en quendas de mañá e de tarde”.

O edificio, segundo detallou o presidente do Goberno galego, está composto basicamente dunha planta e está estruturado en bloques: un para a área de muller e para a de pediatría; tres bloques para consultas de adultos, nas que se incorpora o novo servizo de odontoloxía; e un último bloque para o novo servizo de fisioterapia e rehabilitación. Na comparecencia ante a prensa, o presidente anunciou que se estaba licitando a reforma do novo centro de Saúde de Bertamiráns e que nos orzamentos deste ano estaba reservado un millón de euros para o Centro de Saúde de Conxo onde se sitúa a Unidade de Saúde Mental que tamén atende a pacientes de Ames.

O novo centro contará coas especialidades de odontoloxía e fisioterapia
O novo centro de saúde do Milladoiro construíuse nunha parcela cedida polo Concello que ten unha superficie de aproximadamente 5.000 metros cadrados. O edificio conta cunha área de medicina con seis consultas de medicina xeral, catro de enfermería e cadansúas consultas de farmacia, odontoloxía e hixienista dental; ademais dunha sala de toma de mostras, e tres consultas polivalentes.

O edificio está composto basicamente dunha planta, á que se accede dende a parte alta da parcela, destinada ás zonas de uso público. Como o terreo ten unha pendente, na zona onde a superficie é máis baixa hai tamén unha planta -1, que alberga a zona restrinxida ao persoal, instalacións e almacéns.

A área pediátrica ten dúas consultas de pediatría e unha consulta de enfermería pediátrica; mentres que a área da muller conta unha consulta de matrona e unha sala de educación para a saúde. O centro ten así mesmo unha área de fisioterapia e rehabilitación, un despacho para o traballador social, unha área de persoal e dispón dos servizos de apoio e administrativos necesarios para o funcionamento das instalacións. En total, o centro de saúde dispón dunha superficie construída de máis de 2.100 metros cadrados.

O esquema de funcionamento do edificio está estruturado en bloques, cada un deles cun uso concreto: un para pediatría e área da muller, tres para consultas de adultos e o último para fisioterapia. Este novo centro da rede sanitaria pública galega, que atenderá unha poboación de arredor de 15.000 persoas, supón que tanto os profesionais como os usuarios dispoñan dunha infraestrutura moderna e adaptada ás súas necesidades, dando unha mellor resposta ás necesidades de saúde presentes e futuras dos veciños e veciñas de Ames.

Novas relacionadas: 

La Voz de Galicia: "Una sola planta, varias entradas y una superficie que quintuplica la actual, así es el nuevo centro de salud de O Milladoiro"

El Correo Gallego: "Quintuplican el espacio para la atención sanitaria en Milladoiro"

Lindeiros: "Abre o novo Centro de Saúde do Milladoiro"

Compostela 24 horas: "O centro de saúde de Millaoiro listo para abrir o luns"

Imaxe da visita ao centro de saúde do Milladoiro

Multimedia

  • Imaxe da visita ao centro de saúde do Milladoiro
  • Imaxe da visita ao centro de saúde do Milladoiro
  • Imaxe da visita ao centro de saúde do Milladoiro
  • Imaxe da visita ao centro de saúde do Milladoiro
  • Imaxe da visita ao centro de saúde do Milladoiro