- Tematica
Un ano máis, o departamento de Promoción da Saúde do Concello de Ames pon en marcha o programa “Activa Ames Verán”, unha adaptación das actividades do Ames Saudable que se desenvolve durante a época estival. Deste xeito, a veciñanza amesá poderá gozar de sesións guiadas de ioga terapéutico, taichi tradicional, chi kung e marcha nórdica do 3 de xullo ao 31 de agosto. As propostas desenvolveranse os luns e mércores no Milladoiro, e os martes e xoves en Bertamiráns, de 11:30 a 12:30 horas; a excepción da marcha nórdica, que terá lugar unicamente os xoves, entre as 20:30 e as 22:00 horas. As actividades serán gratuítas e non é necesario inscribirse previamente para participar.
O departamento de Promoción da Saúde continúa durante os meses de verán coas súas propostas para o coidado da saúde física e emocional, ofrecendo en xullo e agosto sesións de balde de ioga terapéutico, taichi tradicional, chi kung e marcha nórdica, baixo o programa “Activa Ames Verán”. Con esta serie de propostas refórmanse as actividades habituais do Ames Saudable para encaixalas nos meses estivais. As iniciativas terán lugar tanto no Milladoiro (no entorno da piscina municipal) como en Bertamiráns (nos xardíns do Pazo da Peregrina).
Así, os días 3, 5, 10 e 12 de xullo haberá ioga terapéutico no Milladoiro; mentres que en Bertamiráns ofrecerase a actividade os días 4, 6, 11 e 13 de xullo, sempre de 11:30 a 12:30 horas. É preciso que os participantes leven a súa esteira propia.
Por outro lado, as sesións de taichi tradicional e de chi kung terán lugar os días 17, 24 e 31 de xullo no Milladoiro e 18, 20 e 27 en Bertamiráns. O horario será, de novo, de 11:30 a 12:30 horas.
Para rematar, en agosto desenvolverase a actividade de marcha nórdica, “Camiñando no solpor”. Será os días 10 e 24 no Milladoiro e 17 e 31 en Bertamiráns. As persoas que precisen bastón para participar poden solicitar o seu préstamo de xeito gratuíto a través do enderezo electrónico promociondasaude@concellodeames.gal.
Todas as propostas son gratuítas, e non é preciso inscribirse previamente para participar.
Novas relacionadas:
AMS GO!: "Activa Ames Verán ofrece ioga, taichi ou marcha nórdica"