- Tematica
O programa Ames Saudable, dependente da Concellería de Promoción da Saúde, comeza unha nova andaina no Facebook e en Instagram para poder seguir en contacto coa veciñanza amesá durante a alerta sanitaria. Esta iniciativa ten como obxectivo dar continuidade ao programa e as actividades que se viñan desenrolando no ámbito do fomento dunha alimentación saudable, promoción da actividade física en todas as idades, e a prevención de condutas aditivas con e sen sustancias.
Ames Saudable ten como obxectivo achegar e fomentar entre as veciñas e veciños hábitos saudables. Como consecuencia da alerta sanitaria provocada polo COVID-19, o contacto man a man co veciñanza a través da realización de actividades que potencien esta vida saudable vese imposibilitado, e por iso, o programa emprende un novo camiño nas redes sociais para seguir en contacto coa veciñanza durante o período de confinamento nos fogares.
Nas súas novas contas en Facebook e en Instagram, falarase e daranse consellos, ademais de sobre temas relacionados co COVID-19, tamén sobre hixiene, alimentación saudable, promoción da actividade física, relaxación, meditación e prevención.
Asemade, ademais de recomendacións, consellos e información, colgaranse vídeos con sesións de ioga e relación, ximnasia terapéutica, baile en liña, etc. Todo isto, enfocado tanto para o público xeral como para os nosos maiores.
Trátase, por tanto, dunha forma de achegar aos seus seguidores as actividades que xa se viñan facendo, dándolles continuidade. Ademais, as redes sociais conseguirán que se siga mantendo contacto cos usuarios á vez que se proporcionan os recursos para continuar cas rutinas diarias. En definitiva, tratar, na medida do posible, de facer un pouco máis amenos estes días.