Solapas principales

O programa Amessán presenta varias novidades para o curso 2024-2025

Lunes, 23 de septiembre de 2024

A radio municipal, Ames Radio, recibiu hoxe a visita da concelleira de Benestar Social, Uxía García, e do coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames, Rubén Ramos, para falar das novidades que presenta o programa Amessán de cara ao curso 2024-2025. Respecto da edición anterior creouse un novo grupo na parroquia de Covas. Ademais, no Milladoiro impártense tres novas actividades: movemento terapéutico, obradoiro de música tradicional galega, e canto coral. O programa Amessán inclúe unha ampla oferta de actividades saudables para maiores de 60 anos e persoas con discapacidade funcional. Impártense un total de 11 actividades en 13 lugares diferentes. As distintas actividades e obradoiros impartiranse en Bertamiráns e no Milladoiro, así como nos locais sociais de Agrón, Trasmonte, Oca, Augapesada, Bugallido, Tarroeira, Cruxeiras, Covas, Tapia, Piñeiro e Lens. As actividades comezarán o 1 de outubro.

Un curso máis arrinca a programación do Amessán, que este ano inclúe novas actividades no Milladoiro, onde se vai impartir movemento terapéutico, obradoiro de música tradicional galega e canto coral. Ademais, respecto da edición anterior, creouse un novo grupo na parroquia de Covas, onde se vai impartir obradoiro de memoria.

A concelleira de Benestar Social, Uxía García, explica que “o programa Amessán permite o contacto social entre os seus participantes. É unha ferramenta moi importante para manterse activos e facer vida social. Non só é a actividade que practican, senón tamén o contacto que manteñen as persoas antes e despois da actividade. Unha vez chega o mes de setembro están desexando comezar as actividades. A parroquia de Covas inclúese novamente dentro do programa. Son un grupo de maiores de 14 persoas que volveron solicitar a actividade de obradoiro de memoria. Tamén se aumentan tres actividades no Milladoiro, unha delas é a e canto coral, que se viñan demandando dende hai tempo”.

O coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames, Rubén Ramos, destaca que “é un programa moi demandado polas persoas maiores de Ames e que está dirixido a persoas con algún tipo de discapacidade física ou psíquica. É un dos programas máis demandados do concello de Ames. Ten varias vertentes, sendo a máis destacada de todas elas o envellecemento activo. A nosa intención é espallar as actividades por todo o territorio, por iso abrimos outro grupo na parroquia de Covas. A ximnasia terapéutica e mailos obradoiros de memoria son as actividades máis demandadas deste programa”.   

Actividades/obradoiros do programa Amessán 2024-2025
Nesta edición mantéñense os obradoiros de manualidades, de memoria e de “fío e agulla”, así como de música tradicional galega. Tamén se oferta ximnasia terapéutica, clases de guitarra e canto coral. Por outra banda, vólvense a poñer en marcha actividades como a musicoterapia, a bailoterapia ou o baile en liña, novidades das anteriores edicións que lograron gran éxito. Ademais, nesta edición vaise impartir unha nova actividade: movemento terapéutico.

O Amessán é un programa destinado a persoas maiores de 60 anos e persoas cunha enfermidade crónica e/ou inhabilitadora, que conten cun informe dos Servizos Públicos de Saúde (que poidan realizar a actividade de forma independente).

As inscrición poden realizarse de xeito presencial no Centro social do Milladoiro, no local do antigo centro de saúde (hoxe, día 23, e mañá, día 24 de setembro); ou na Casa dos Maiores de Bertamiráns (os días 25 e 26 de setembro). O horario de atención será de 16:00 a 20:00 horas. Para inscribirse haberá que acreditar o empadroamento no Concello de Ames achegando DNI ou certificado de empadroamento. Os interesados poden obter máis información a través do correo electrónico voluntariado@concellodeames.gal.

A prazas iranse cubrindo por orde de inscrición, e haberá un número mínimo de persoas para crear grupos de cada actividade. Cada persoa poderá inscribir a un máximo de 2 participantes (incluída ela mesma). Poderase facer unha inscrición cun máximo de 3 actividades (sen contabilizar musicoterapia, guitarra e canto coral).

O programa Amessán presenta varias novidades para o curso 2024-2025

Multimedia

  • O programa Amessán presenta varias novidades para o curso 2024-2025
  • O programa Amessán presenta varias novidades para o curso 2024-2025