Solapas principales

O programa Apego continúa durante o mes de febreiro coa actividade “Cacho animalada!”

Miércoles, 01 de febrero de 2023

O programa Apego segue coa súa programación para o mes de febreiro coa actividade “Cacho animalada!”, que terá lugar o vindeiro xoves, 9 de febreiro, na Casa da Cultura do Milladoiro. Trátase dun espectáculo de Vero Rilo e Luís Iglesias para crianzas a partir de catro anos. O prazo para anotarse está aberto dende hoxe, 1 de febreiro, ata o vindeiro mércores, día 8. As persoas interesadas en participar deben enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome, apelidos, idades dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o primeiro semestre do 2023 ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

A actividade correrá a cargo de Vero Rilo e Luís Iglesias. Rilo é narradora oral e escritora, e dende o ano 2017 realiza espectáculos dirixidos á primeira infancia que parten dos mesmos puntos en común: a melodía e o canto. Pola súa banda, Iglesias é músico, e encárgase de poñer o toque rockeiro do espectáculo.

“Cacho animalada!” baséase na tradición oral, o rock e o humor. Trátase dunha sesión de narración oral e musical fresca e despreocupada, para recargar enerxías e para gozar en familia cun feixe de animais e animaladas.

Participar é de balde, e os interesados en inscribirse só teñen que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos dos asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que vaian participar. O prazo de inscrición está aberto dende hoxe, día 1 de febreiro, ata o vindeiro mércores, día 8. As prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes.

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua

O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.

As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Cartaz da actividade "Cacho animalada!"

Multimedia

  • O programa Apego continúa durante o mes de febreiro coa actividade “Cacho animalada!”
  • O programa Apego continúa durante o mes de febreiro coa actividade “Cacho animalada!”