Solapas principales

O programa Apego continúa durante o mes de setembro co concerto de Paco Nogueiras

Jueves, 07 de septiembre de 2023

O programa Apego continúa a súa programación para o mes de setembro co espectáculo “C@nto Contigo”, que terá lugar o vindeiro venres, día 15, na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:00 horas. Trátase dun espectáculo de Paco Nogueiras para público familiar. O prazo para anotarse está aberto dende hoxe, 7 de setembro, ata o día 14. As persoas interesadas en participar deben enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, idades dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o último semestre do 2023 pode consultarse premendo nesta ligazón.

C@nto contigo” recompila os grandes éxitos do artista Paco Nogueiras, garantindo que a cativada e as súas familias bailen, rían, canten e boten a lingua a voar dun xeito participativo, lúdico e divertido.

Participar é de balde, e as persoas interesadas en inscribirse só teñen que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que vaian participar. O prazo de inscrición está aberto dende hoxe, día 7 de setembro, ata o vindeiro xoves, día 14. As prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes.

No marco do programa Apego, esta tarde a Carballeira de Ventín acolle, a partir das 18:00 horas, a actividade Brincadeiras miúdas. Cé Orquestra Pantasma e Miudiño propóñennos pasar unha tarde chea de música, xogos tradicionais e obradoiros de creación libre de xoguetes con materiais naturais. Neste caso non é precisa inscrición previa.

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.

As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Cartaz do concerto de Paco Nogueiras

Multimedia

  • Cartaz do concerto de Paco Nogueiras