Solapas principales

O programa Apego despide o verán en Ames con Bricadeiras Miudiñas da man de Cé Orquestra Pantasma

Martes, 21 de agosto de 2018

[21-08-2018] O parque da Travesía do Porto, no Milladoiro, e o xardín do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, acollerán a finais deste mes de agosto e principios de setembro catro sesións diferentes de música, xogos tradicionais e obradoiros de creación libre de xoguetes con materiais naturais. Son as Brincadeiras Miudiñas do Xogueteiro coas que Cé Orquestra Pantasma, a través do programa Apego, recuperará a rúa e a natureza como espazo para o xogo, o lecer e a felicidade dos máis cativos e cativas, ao tempo que nos axudará a descubrir outras formas de brincar sen necesidade de mercar sofisticados aparellos. A actividade está dirixida a un público infantil a partir de 2 anos (ata os 6 anos as crianzas terán que ir acompñadas dunha persoa adulta) e non é preciso inscribirse previamente.

O Xogueteiro estará en Ames os días 29 de agosto e 5 de setembro no parque da Travesía do Porto, no Milladoiro, a carón da piscina descuberta municipal. En Bertamiráns a actividade será no xardín do Pazo da Peregrina os días 30 de agosto e 6 de setembro. En ambas as dúas localidades esta actividade desenvolverase das 18.00 ás 20.00 horas. En caso de chuvia, trasladarase ao interior do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e o Pavillón municipal, no Milladoiro.

Outro xeito de xogar, cantar, bailar e soñar
As xornadas pretenden fomentar a creatividade nas crianzas apostando por unha crianza respectuosa e sostible e promovendo a socialización en lingua galega e o achegamento á natureza e ao xogo libre. Para iso a recuperarase a rúa e a natureza como espazos para xogar, coñeceremos novas formas de xogo e xoguetes tradicionais e mesmo haberá pequenos obadoiros para construír brinquedos con materiais que podemos atopar na naureza (paos, pedras, follas…) ou que temos nas nosas casas. Todo isto mesturado coa música e cos contos do Cé Orquestra Pantasma.

Desta volta, o Cé Orquestra Pantasma dará un paso máis aló na súa personaxe para meterse na pel dun feirante xogueteiro que entre rimas, música e baile, iranos engaiolando cara un mundo marabilloso: o mundo dos xogos e xoguetes miudiños. No Xogueteiro combínase un primeiro momento de música e baile seguido dun espazo de xogo con brinquedos tradicionais. Pequenos e maiores compartirán momentos máxicos, bailando e xogando con brinquedos clásicos como zancos, aros, a ferradura, tiracoios ou construcións.

Tamén haberá un espazo para brincar con material natural non estruturado e descubrir as múltiples posibilidades que nos ofrece a natureza (pólas, liscos de madeira, pedras, cana…) e todo o beneficio que o seu emprego supón para os cativos e cativas. Asemade, nos obradoiros de creación libre de brinquedos, os e as participantes poderán realizar bonecos, vehículos… a partir de diferentes elementos naturais, como poliñas, bugallos, follas, noces, abelás, miga de pan, vimbios, carozos, cunchas, cana do país, follaco de espiga, teas, cortiza, cartón, fíos de lá, piñas, pataquiñas, castañas, casqueiro de piñeiro ou sobreira.

O programa Apego
O programa do Apego é un proxecto colectivo que busca acompañar, dar apoio ás familias e poñer en valor a transmisión da lingua galega ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, nomeadamente dos 0 aos 6 anos. Con estes obxectivos ofrécese información, recursos e actividades variadas tanto para familias, coma para as nenas e nenos, educadoras e educadores... O proxecto pretende, ademais, que as crianzas socialicen en galego e que reforcen a identidade coa familia e coas raíces a través de diferentes recursos lúdicos, formativos e informativos. En Ames, o programa do Apego conta xa con máis de 140 familias adheridas.

As familias que estean agardando un bebé ou que teñan crianzas entre os 0 e os 6 anos poden inscribirse no programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, ben a través do correo normalizacion@concellodeames.gal, ben a través do teléfono 662 377 215. Desde o momento en que se inscriban recibirán información e recursos útiles para a crianza. Pódese ampliar a información sobre o programa visitando a páxina web www.apego.gal.