Solapas principales

O programa Apego propón un obradoiro de porteo e lactación

Viernes, 26 de mayo de 2023

O programa Apego organiza para o mes de xuño unha nova actividade, que terá lugar o venres, día 2, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Trátase dun obradoiro de porteo e lactación, que será impartido por Xisela Delgado. O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro 1 de xuño. Para participar é preciso enviar un correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal indicando os seguintes datos: nome e apelidos das persoas que queiran acudir, idade das crianzas e un teléfono de contacto.

O taller, dirixido a familias que estean agardando un bebé ou con crianzas de 0 a 2 anos, ofrecerá recursos, estratexias e ferramentas para un porteo seguro e para unha lactación satisfactoria que axuden a crear vínculos de afecto coas crianzas e coa lingua a través do contacto físico. Non é preciso que os asistentes leven material algún, posto que se proporcionará na propia Casa da Cultura para que tanto as familias como os bebés gocen da actividade.

A sesión correrá a cargo de Xisela Delgado, terapeuta ocupacional especializada en neurorrehabilitación, en integración sensorial e en trastornos do neurodesenvolvemento. Ademais, Delgado é asesora en lactación especializada en porteo aplicado á lactación materna.

Participar na actividade é de balde, e as persoas interesadas en inscribirse só teñen que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que vaian participar. As prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes.

O programa Apego: actividades, formación e recursos para as familias
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.

As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Cartaz do obradoiro de porteo e lactación

Multimedia

  • Cartaz do obradoiro de porteo e lactación