- Tematica
O programa Apego organiza para o mes de abril unha nova actividade, que terá lugar o venres, día 28, na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:00 horas. Trátase dun obradoiro de regueifa para familias con crianzas a partir de 3 anos, que será impartido por Lupe Blanco e Josinho da Teixeira. O prazo de inscrición estará aberto dende hoxe ata o 27 de abril. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal indicando os seguintes datos: nome e apelidos das persoas que queiran acudir, idade das crianzas e un teléfono de contacto.
O obradoiro de regueifa é unha sesión lúdica, interactiva e moi divertida. Os nenos e nenas participantes xogarán coas palabras e coa música para achegarse á arte de regueifar, un divertimento creativo e emocionante que crea novos vínculos de apego.
As persoas encargadas de impartir o taller serán Lupe Blanco e Josinho da Teixeira. Ambas son dúas das voces imprescindibles na expansión actual da regueifa, e levan o seu talento por toda Galicia e por fóra das súas fronteiras, a colexios, institutos e mesmo á rúa.
Participar na actividade é de balde, e as persoas interesadas en inscribirse só teñen que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que vaian participar. O prazo de inscrición está aberto dende hoxe, día 20 de abril, e ata o vindeiro xoves, 27 de abril. As prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes.
O programa Apego: actividades, formación e recursos para as familias
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.
As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.