Solapas principales

O programa de Vivendas Baleiras pon a disposición da veciñanza máis vulnerable as vivendas desocupadas do concello

Viernes, 19 de febrero de 2021

O departamento de Servizos Sociais do Concello de Ames informa de que, tanto propietarios de vivendas como persoas que as precisen alugar, poden participar no Programa Vivendas Baleiras. Este proxecto enmárcase dentro do convenio de colaboración asinado entre o IGVS e a FEGAMP para o desenvolvemento do programa de vivendas baleiras no ámbito do Plan galego de rehabilitación, alugueiro e mellora do acceso á vivenda dende 2015. Dito convenio vén de renovarse na actualidade. Premendo na ligazón poderás obter as bases reguladoras e impresos de solicitude para propietarios e para inquilinos. O prazo para a presentación de solicitudes está aberto de xeito permanente ao longo do ano para facilitar a máxima participación.

A existencia de vivendas desocupadas nos concellos resulta contraria ás esixencias dun axeitado principio de uso racional do parque de vivendas, tanto por razóns de eficiencia económica coma por ser un factor de sustentabilidade medio ambiental e territorial, polo que o programa de Vivendas Baleiras persigue promover o uso destas vivendas outorgándolle aos Concellos que as incorporan as garantías xurídicas e económicas necesarias e que son asumidas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo.

Deste xeito, o Concello de Ames adheriuse ao convenio de colaboración asinado entre o IGVS e a FEGAMP para o desenvolvemento do programa de Vivendas Baleiras, co que se persegue poñer a disposición do mesmo as vivendas desocupadas, para poder destinalas a aquelas unidades familiares ou de convivencia con maior dificultade de acceso á vivenda e, de xeito prioritario, ás afectadas por procedementos de execucións hipotecarias ou por desafiuzamentos por impago da renda de alugueiro da súa vivenda habitual.

A través desta iniciativa destínanse vivendas baleiras de propiedade pública ou privada ao alugueiro social para familias desfavorecidas. Poderán incorporarase a este programa vivendas que reúnan as seguintes condicións: vivendas libres ou que non estean sometidas a limitacións para o seu alugueiro; que carezan de cargas; que estean desocupadas; que reúnan as condicións mínimas de habitabilidade; que dispoñan dos servizos básicos de auga, lixo, gas e/ou electricidade; e que dispoñan dunha cociña con electrodomésticos.

O prezo máximo de alugueiro establecido dentro deste programa é de 300 euros para unha vivenda tipo de 90 metros cadrados. A incorporación das vivendas farase por un período de 3 anos. O IGVS para cada unha das vivendas arrendadas o abeiro do citado programa, proporcionará un seguro multirisco do fogar, polo que quedarán cubertos todos os danos sufridos pola vivenda durante a vixencia do arrendamento, e un seguro de garantía de cobro da renda nas mensualidades impagadas polos arrendatarios e a asistencia xurídica dos arrendadores nos procesos de desafiuzamento ou reclamacións de cantidade por impago de rendas.

O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto de xeito permanente para facilitar a máxima participación. As persoas titulares das vivendas e as inquilinas que teñan contratos de arrendamento no marco deste programa, poderán acollerse ás medidas de apoio e ás axudas públicas para o fomento do alugueiro establecidas polo IGVS e que estivesen vixentes durante a duración do contrato.

Trámites para propietarios e inquilinos
A páxina web municipal do Concello de Ames vén de publicar os trámites que deben realizar os usuarios e usuarias que queiran participar no programa. Tanto propietarios como solicitantes das vivendas, deben presentar a solicitude de inscrición debidamente cuberta, así como a documentación requirida para a súa valoración.

As solicitudes poderán presentarse en calquera momento do ano e deberanse presentar no rexistro Xeral do Concello en Bertamiráns, no rexistro da oficina municipal do Milladoiro ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16,4 da Lei 39/2015, do 01 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

ACCEDE AOS TRÁMITES DO PROGRAMA DE VIVENDAS BALEIRAS:
-Programa Vivendas Baleiras para inquilinos.
-Programa Vivendas Baleiras para propietarios.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames lanza el plan de pisos en alquiler para familias vulnerables"

Lindeiros: "Ames impulsa un programa de vivendas baleiras"

Bertamiráns