- Tematica
O pasado venres a lanzadora olímpica Belén Toimil, dentro do programa da RFEA Rural Athletics Girls, visitou o CEIP da Barouta e mailo CEP de Ventín, situados no concello de Ames. En dita visita participaron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, e mailo presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín. O programa Rural Athletics Girls está impulsado en Galicia pola Federación Galega de Atletismo.
A atleta olímpica de lanzamento de peso, Belén Toimil, que ten o actual récord de España, compartiu con máis de 200 alumnos/as unha charla para achegar o atletismo a rapazada amesá que cursa estudos no CEIP de Barouta e no CEP de Ventín.
Belén Toimil é unha atleta galega especializada en lanzamento de peso e disco. Compite no Playas de Castellón e é a actual posuidora do récord de España de lanzamento de peso (18,80 metros). Foi 9 veces campioa de España absoluta e 20 veces campioa de Galicia, e participou nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020. En 2022 disputou o campionato do mundo de atletismo e neste 2024 acadou a quinta posición no campionato de Europa, na modalidade de lanzamento de peso.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, agradeceu “a visita dunha atleta de tanto nivel como Belén Toimil e da Federación Galega de Atletismo por traer a Ames o programa Rural Athletics Girls”. Ademais, destacou “a importancia desta iniciativa para fomentar a práctica do atletismo entre os rapaces e rapazas. Ames é un concello no que hai moitos nenos e nenas que practican atletismo, pero este tipo de actividades poden espertar o interese polo atletismo de outros rapaces e rapazas”.
Visita ao alumnado do CEIP de Barouta
Primeiro visitou ao alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP de Barouta, onde lles explicou como se prepara no seu deporte e o traballo que fai unha atleta do seu nivel. Ademais, faloulles aos rapaces e rapazas doutras modalidades do atletismo.
De seguido, achegáronse ao pavillón e, seguindo as instrucións de Belén, practicaron a carreira de obstáculos, lanzamento de xavelina e lanzamento de peso. Para rematar fixeron unha foto de grupo e asinoulle autógrafos a rapaces e rapazas de Barouta. A concelleira de Deportes, Susana Señorís, e o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, acompañaron a Belén Toimil na visita que fixo ao CEIP de Barouta.
Visita ao campo de lanzamento de Ventín
A continuación a plusmarquista de España e lanzadora olímpica visitou o campo de lanzamento situado en Ventín, no que foi recibida polo alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, e o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín.
A atleta galega falou co alumnado do CEP de Ventín sobre o deporte que practica e tamén realizou varios exercicios de lanzamento nas novas instalacións que vén de habilitar o Concello de Ames para a practica do atletismo.
O programa Rural Athletics Girls ten o obxectivo de achegar o atletismo a todos os recunchos do pais, a través dos máis representativos atletas do momento, así como de dinamizar, a través do deporte, a loita contra a despoboación no medio rural. O programa está impulsado na nosa comunidade pola Federación Galega de Atletismo.