- Tematica
A Concellaría de Mocidade continúa coas actividades desta nova edición do programa Trouleando. Desta vez, os mozos e mozas de Ames poderán gozar o vindeiro 5 de abril dunha divertida xornada no Ecoparque Multiaventura de Marín. A actividade é de balde e está dirixida para a mocidade nada entre 2012 e 1995. O prazo para inscribirse comeza este mércores, día 19, e estará aberto ata o vindeiro domingo, día 23. Para participar, é preciso enviar a ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo xuventude@concellodeames.gal. Hai 50 prazas dispoñibles e adxudicaranse pola orde de chegada das solicitudes. Podes descargar a ficha de inscrición da actividade na seguinte ligazón.
O programa Trouleando segue a súa programación de actividades para este 2025. Desta volta, coincidindo coas primeiras xornadas da primavera, propoñen unha tarde no Ecoparque Multiaventura de Marín na que a mocidade amesá poderá gozar dunha xornada chea de diversión e aventuras coas diversas actividades que oferta o recinto.
Deste xeito, os mozos e mozas pasarán unha tarde na que se mestura natureza e deporte, probando diferentes circuítos de xogos suspendidos nas árbores, incluíndo tirolinas, rocódromo, pontes de mono ou lianas para demostrar e poñer a proba as súas habilidades e destrezas.
A actividade realizarase o vindeiro sábado 5 de abril pola tarde. Haberá servizo de autobús desde o Pazo da Peregrina, de Bertamiráns, ás 14.00 horas, e desde a Casa da Cultura do Milladoiro, ás 14.15 horas. O regreso está previsto que sexa arredor das 19.45 no Milladoiro e ás 20.00 horas en Bertamiráns.
Inscricións
As persoas interesadas en participar poderán inscribirse desde este mércores, día 19 de marzo, ata o vindeiro domingo día 23. Así mesmo, deberán de enviar a ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal. Só poderán inscribirse mozos e mozas empadroados en Ames, nados entre 2012 e 1995. Hai 50 prazas dispoñibles e asignaranse por orde de chegada. Pódese descargar a ficha de inscrición na seguinte ligazón.
Os participantes deberán de traer calzado cómodo de sola dura (zapatillas deportivas ou de montaña), roupa cómoda, gorra, protector solar e, no caso de dispor deles, guantes sen dedos. A empresa do recinto ofrecerá o resto de material necesario para gozar da xornada.
Como vén sendo habitual, será preciso contar cun mínimo de 20 mozos/as para desenvolver esta xornada; en caso contrario, o Concello de Ames, poderá anular a actividade. Para resolver calquera dúbida contacta co departamento de Xuventude chamando ao número de teléfono 616 08 32 29 ou enviando un correo electrónico ao enderezo: xuventude@concellodeames.gal.
Novas relacionadas:
AMSGO!: "O programa Trouleando leva á mocidade de Ames ao Ecoparque Multiaventura de Marín"