Solapas principales

O programa Trouleando volve este mes de xaneiro cunha serie de mini torneos de eSports

Miércoles, 12 de enero de 2022

A Concellaría de Mocidade continúa un ano máis co programa Trouleando, tras poñer en marcha sete actividades durante o 2021. Será o sábado 29 de xaneiro, cunha xornada de videoxogos e competicións nun centro de xogos especializado, dentro dun ambiente lúdico e respectuoso. Para inscribirse, cómpre enviar a ficha de inscrición cuberta ao enderezo omix@concellodeames.gal, entre este xoves 13 e ata o próximo mércores 19 de xaneiro. As prazas asignaranse por orde de chegada. A proposta, que terá lugar de 11:00 a 14:00 horas,  contará con servizo de autobuses dende Bertamiráns e o Milladoiro.

A volta do Trouleando a finais de mes consiste nunha visita a un centro de videoxogos especializado de Santiago de Compostela, onde a mocidade que participe terá a oportunidade de probar e gozar dos seus xogos favoritos nas diferentes plataformas. O espazo conta con todas as consolas de última xeración, ordenadores “gaming” e arcades, así como simuladores de condución. Ademais de permitir o xogo libre, a OMIX organizará mini torneos de eSports entre as persoas participantes, nun ambiente de respecto e lecer.

Os eSports ou deportes electrónicos son esencialmente competicións de videoxogos, que contan con fortes vínculos coas comunidades en liña e gozan dunha importante popularidade entre a xente moza. Ao igual que calquera outro deporte tradicional, os eSports dispútanse de maneira individual ou por equipos, en ligas, de forma amateur ou profesionalizada. Nesta ocasión, durante a actividade realizaranse mini torneos de Pokémon, Rayman, Fórmula 1, FIFA 22 ou Mario Kart, entre outros.

A xornada de videoxogos e eSports está aberta á mocidade empadroada en Ames a partir dos 12 anos cumpridos (persoas nadas no 2009). A actividade terá lugar entre as 11:00 e as 14:00 horas do sábado 29 de xaneiro, con autobuses dende os dous núcleos principais do concello para viaxar ata Santiago. O transporte partirá ás 10:15 horas do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para volver ás 14:45 horas. Pola súa parte, os horarios de ida e volta dende a Casa da Cultura do Milladoiro serán ás 10:30 e as 14:30 horas.

Será preciso contar cun mínimo de 15 mozas e mozos para desenvolver a proposta. En caso contrario, o Concello de Ames poderá anular a actividade.

Para calquera dúbida, pódese contactar coa Oficina Municipal de Información Xuvenil, a OMIX, no correo electrónico omix@concellodeames.gal.

O programa Trouleando volve este mes de xaneiro cunha serie de mini torneos de eSports

Multimedia

  • O programa Trouleando volve este mes de xaneiro cunha serie de mini torneos de eSports