Solapas principales

O programa Trouleando volve no mes de novembro cun escape room

Sábado, 12 de noviembre de 2022

A Concellaría de Xuventude do Concello de Ames organiza para este mes de novembro unha nova actividade do programa Trouleando. Nesta ocasión proponse unha saída a un centro de ocio escape room para desfrutar de dous xogos cheos de retos. Será o sábado 26 de novembro, e haberá servizo de autobús dende Bertamiráns e O Milladoiro. Os interesados en participar poden inscribirse enviando un correo ao enderezo electrónico omix@concellodeames.gal adxuntando a seguinte ficha de inscrición debidamente cumprimentada entre o 14 e o 17 de novembro. As prazas para participar son limitadas, e asignaranse por orde de chegada. 

O programa Trouleando ofrece no mes de novembro unha nova actividade para a mocidade que conxuga diversión, aventura en equipo e misterio. Os participantes poderán desfrutar dunha xornada nun centro de ocio escape room en Santiago de Compostela. Ao longo dunha mañá os rapaces e rapazas poderán adentrarse nunha historia onde eles e elas mesmos/as serán os protagonistas, e terán que resolver distintas encrucilladas empregando o traballo en equipo, a comunicación e o enxeño.

Os escape room son xogos físicos de aventuras nos que os participantes teñen que resolver unha serie de crebacabezas empregando contrasinais, combinacións e estratexias para completar os seus obxectivos.

Neste caso, os mozos e mozas participarán en dous xogos distintos, que estarán cheos de retos e terán diferentes ambientacións, para que os equipos poidan gozar dunha experiencia única nun entorno que estimula a súa capacidade de análise e dedución.

Na xornada poden participar todos os rapaces e rapazas que estean empadroados en Ames a partir dos 12 anos cumpridos (nados no 2010). A actividade terá lugar o sábado 26 de novembro nun centro de ocio en Santiago de Compostela, e haberá servizo de autobús dende os dous núcleos principais do concello para viaxar ata alí. Organízanse dúas quendas: unha con saída de bus dende o Pazo da Peregrina (Bertamiráns) ás 10:00 horas, e con regreso ao mesmo punto ás 12:30 horas; e outra con saída de bus dende a Casa da Cultura do Milladoiro ás 11:40 horas e regreso ás 14:15 horas.

Para participar é imprescindible anotarse enviando a ficha que se pode atopar premendo nesta ligazón cuberta e asinada ao enderezo electrónico omix@concellodeames.gal entre o 14 e o 17 de novembro. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de solicitude.

Será preciso contar cun mínimo de 15 mozos e mozas para desenvolver a actividade. Para calquera dúbida pódese contactar coa Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) a través do correo electrónico omix@concellodeames.gal.

A actividade terá lugar o 26 de novembro

Multimedia

  • O programa Trouleando volve no mes de novembro cun escape room