Solapas principales

O Programa Youtubeir@s obtén o Premio Mil Primaveras na categoría de proxecto máis innovador

Sábado, 29 de junio de 2019

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística (CTNL) outórgalle ao Proxecto Youtubeir@s o Premio Mil Primaveras na categoría de proxecto máis innovador. A decisión do xurado, que se fixo pública este xoves, apoiouse no uso por parte do proxecto dun medio prioritario para o futuro do idioma como é Youtube, así como a súa capacidade de atraer á mocidade e o obxectivo  de fomentar o galego a través da creatividade. Youtubeir@s está organizado polos servizos de normalización lingüística de trece concellos galegos, as universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, e a Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua.

Os Premios Mil Primaveras, creados neste 2019 pola Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) coa colaboración da Deputación de Pontevedra, teñen como obxectivo valorar, recoñecer e difundir accións, campañas e programas que serven para fomentar a lingua e para incrementar tanto o seu  uso coma o seu prestixio. Nesta primeira edición, o colectivo decidiu premiar o Proxecto Youtubeir@s como proxecto máis innovador. Tamén recibiron galardóns 'Modelo Burela', 'Falemos de ti e min', 'Desafío 48', 'Eu presumo de galego' e 'Gciencia' noutras das categorías do certame.

Entre os motivos que levaron ao xurado a escoller a Youtubeir@s nesta categoría, sinálanse o feito de que o proxecto aborde “un medio prioritario para o futuro do idioma, xa que ten unha grande atracción na xente nova”. Tamén valoraron o seu emprego de “linguaxes e estratexias comunicativas atractivas para a mocidade e que favorece que as persoas que transmiten a través de YouTube o fagan en galego e que as que comunican en galego o fagan en YouTube, alén de prestixiar o emprego desta rede social como ferramenta creativa”. Por último, tamén salientaron a colaboración de diferentes servizos de normalización lingüística de entidades locais e universitarias na organización de Youtubeir@s e a evolución e mellora experimentada nas sucesivas edicións.

Con motivo desta distinción, a organización de Youtubeir@s quixo amosar a súa gratitude por este galardón, que significa un “auténtico pulo para continuar a medrar” no futuro. “É un recoñecemento a todo o esforzo desenvolvido dun xeito colectivo entre os servizos de normalización lingüística de trece concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña”, sinálase dende a organización ao tempo que se destaca este elemento “fortemente colaborativo dende as institucións” como “unha característica fundamental” da iniciativa. Por último, a coordinación do proxecto admite que un recoñecemento como o  que a CTNL lle outorga a Youtubeir@s, garante  “unha gran visibilidade” á hora de achegarse a máis público.

Continua aberto o prazo de inscrición de vídeos para participar nos premios Youtubeir@s

Os Premios Youtubeir@s, outra das grandes liñas de acción do proxecto Youtubeir@s, mantén até o vindeiro 27 de setembro o prazo de inscrición para todas as persoas creadoras de contidos en Youtube en lingua galega. Os vídeos presentados deberán estar publicados con data posterior ao 15 de marzo de 2019, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. Establécense un total de catro categorías: vídeo-facermos, á que optarán os vídeos que mostren saberes e procesos de elaboración a través de titoriais; vídeo-opinarmos, baseados na exposición de opinións e valoracións sobre un tema de interese; vídeo-cantarmos, vídeos musicais con versións, composicións orixinais, adaptacións ou coreografías; e canles.

Ademais destas catro categorías, haberá premios á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística. Por último, o certame contará cun premio do público que se entregará baixo o nome de #propostayoutubeira. En conxunto, Youtubeir@s repartirá un total de 6500 euros en galardóns. Os vídeos premiados coñeceranse no mes de novembro, na gala dos Premios Youtubeir@s. En conxunto, Youtubeir@s repartirá un total de 6500 euros en galardóns.
 
Os e as interesadas en coñecer máis sobre o proxecto Youtubeir@s , sobre os recursos que ofrece ou sobre como participar no certame poden acceder á páxina oficial www.youtubeiras.gal/, na que atoparán o vídeo promocional, información sobre os premios e actividades, ferramentas, recursos, vídeos explicartivos e a ligazón na que poderán formalizar a inscrición.

Lista de reprodución ao vivo

Por outra banda, o encontro youtubeir@ programado para esta tarde baixo o título ‘Lista de reprodución ao vivo’ adíase para outubro. Esta quedada consistirá nun encontro directo entre youtubeir@s e público, que emulará as bibliotecas viventes ou mesmo as partidas de xadrez simultáneas, de xeito que as persoas creadoras agardarán no seu posto as visitas dos/as “espectadores/as”.  Así, cada youtubeir@ levará temas preparados para analizar e o público, que irá rotando entre os diferentes postos, poderá realizar preguntas e interactuar cos "vídeos vivos". Cada un destes encontros durará un máximo de 20 minutos. Ao final desta rolda individual, abrirase a todo o público para poñer en común e compartir experiencias.

Premios Mil Primaveras 2019