Solapas principales

O Proxecto Youtubeir@s pechará o 27 de setembro o prazo de inscrición aos seus premios e convoca para o 3 de outubro en Santiago un encontro entre a comunidade creadora e o público

Sábado, 21 de septiembre de 2019

O Proxecto Youtubeir@s está organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, A Baña, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña. Este programa ten o obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua.  Youtubeir@s encara neste outono o treito final desta terceira edición. Así, até o vindeiro 27 de setembro permanecerá aberto o prazo de inscrición para que todas as persoas creadoras de contidos en Youtube na nosa lingua poidan competir nos Premios Youtubeir@s, que neste 2019 repartirán  6.500 euros nas diferentes categorías en que se divide o certame.

O día 3 de outubro celebrarase en Santiago de Compostela o evento Lista de reprodución ao vivo, encontro entre o público e a comunidade creadora que medrou nos últimos tres anos ao abeiro dos Proxecto Youtubeir@s, iniciativa recoñecida co galardón Mil Primaveras, concedido pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística, na categoría de proxecto máis innovador. Estes galardóns serán entregados oficialmente este sábado ás 11.30h nun acto que acollerá a Sala de Congresos do pazo da Cultura de Pontevedra.

Lista de reprodución ao vivo
Consistente nun encontro directo entre youtubeir@s e seguidor@s, a Lista de reprodución ao vivo emula en certo xeito as bibliotecas viventes ou mesmo as partidas de xadrez simultáneas, de xeito que as persoas creadoras agardarán no seu posto as visitas dos/as “espectadores/as”. Así, cada youtubeir@ levará temas preparados para analizar e o público, que irá rotando entre os diferentes postos, poderá realizar preguntas e interactuar cos "vídeos vivos". Cada un destes encontros durará un máximo de 20 minutos. Ao final desta rolda individual, a segunda fase abrirase a todo o público para poñer en común e compartir experiencias.

O acto estará dinamizado por Xandobela (profesionais da educación e da dinamización sociocultural). As prazas para participar son limitadas e cómpre inscribirse a través de formacion@youtubeiras.gal. O prazo remata o 30 de setembro. A cita será o 3 de outubro entre ás 18.00 e ás 20.00 horas no edificio CEA (Centro de Estudos Avanzados) da USC (Finca de Vista Alegre, Santiago de Compostela).

Premios Youtubeir@s
Os Premios Youtubeir@s, a gran liña de acción do proxecto Youtubeir@s, mantén até o vindeiro 27 de setembro o prazo de inscrición para todas as persoas creadoras de contidos en Youtube na nosa lingua. Cómpre que os vídeos estean publicados con data posterior ao 15 de marzo de 2018, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. Establécense un total de catro categorías: vídeo-facermos (vídeos que mostran saberes e procesos de elaboración a través de titoriais), vídeo-opinarmos (exposición de opinións e valoracións sobre un tema de interese), vídeo-cantarmos (vídeos musicais con versións, composicións orixinais, adaptacións ou coreografías) e canles.

Ademais destas catro categorías, recoñeceranse premios á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística, decididos todos por un xurado de recoñecido prestixio que outorgará o premio durante a gala dos Premios Youtubeir@s, no mes de novembro. Por último, o certame conta cun premio do público que se entrega baixo o nome de #propostayoutubeira. En conxunto, Youtubeir@s repartirá un total de 6500 euros en galardóns. As bases completas pódense consultar en www.youtubeiras.gal.

Cartel do proxecto Youtubeir@s

Multimedia

  • Cartel do proxecto Youtubeir@s