Solapas principales

O próximo venres 13 de decembro chega ao Concello de Ames o Picadiscos MariFaltri

Jueves, 05 de diciembre de 2019

O Picadiscos MariFaltri chega ao Concello de Ames o próximo venres 13 de decembro. Estará no Pazo da Peregrina de Bertamiráns a partir das 18.00 horas, onde pinchará música infantil para os máis pequenos da casa. Para asistir á actividade é necesario inscribirse enviando un correo electrónico a normalizacion@concellodeames.gal .

O departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames, a través do programa Apego, ten programado para o próximo venres 13 de decembro unha sesión de discoteca con música infantil para que os cativos e cativas non deixen de cantar e bailar, ao tempo que aprenden cancións da man dos libros da minibiblioteca ambulante de MariFaltri.

María Faltri é un dos novos nomes de referencia dentro da música infantil galega, a vocalista da Banda das Apertas de Magín Blanco chega agora cun espectáculo orixinal e sorprendente: unha picadiscos de música infantil. Durante o seu espectáculo María brindaralle aos cativos e cativas unha escolla da mellor música infantil galega para que non deixen de cantar e bailar. María ten tamén unha ampla experiencia no mundo da animación cultural, un ingrediente perfecto para que o público miúdo xogue, se divirta e…por qué non, aprenda as cancións da man dos libros da súa mini biblioteca ambulante.

As prazas son limitadas, polo que é necesario a inscrición previa, dispoñible ata o 12 de decembro. Para levala a cabo, é necesario enviar un correo electrónico a normalizacion@concellodeames.gal cos seguintes datos: nome e apelidos das persoas asistentes, idades das crianzas e un teléfono de contacto.

O programa Apego
Apego é un programa colectivo de varios concellos que promove a transmisión do galego como lingua inicial nas familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos, así como axudar á socialización en galego das crianzas.

O programa ofrece información, recursos (tanto virtuais como físicos) e actividades formativas e de lecer tanto para as familias e as crianzas como para os e as profesionais. Ten como destinatarios a familias empadroadas en Ames que agardan un bebé ou que teñen un neno ou nena de entre 0 a 6 anos. Pode solicitarse unha cita, para inscribirse no programa, a través do teléfono 662 377 215. Para ampliar información sobre o programa pode consultarse a súa páxina web.

Cartel Picadiscos MariFaltri

Multimedia

  • Cartel Picadiscos MariFaltri