Solapas principales

O Punto Limpo de Ames alcanzou as 488 visitas durante o mes de maio

Lunes, 10 de junio de 2019

O centro de depósito de residuos do Punto Limpo de Ames, situado no polígono do Milladoiro, rexistrou durante o pasado mes de maio un total de 488 visitas. Das achegas feitas ao longo do mes destacan fundamentalmente os residuos eléctricos e electrónicos que se achegaron aos 3.114 quilogramos, e os 330 quilos de pneumáticos fora de uso. Este servizo municipal está xestionado pola empresa Urbaser.

O incremento do número de veciños e veciñas que nos últimos anos fan uso do Punto Limpo para depositar alí todo tipo de residuos denota que a veciñanza é cada vez máis consciente da importancia que ten facer un uso correcto dos residuos que non van os colectores convencionais. Asemade, as 488 visitas rexistradas no pasado mes de maio non fan máis que afianzar esta constante.

No tocante aos residuos achegados, durante este mes do ano, os veciños e veciñas de Ames entregaron 3.114 quilos de equipos electrónicos e eléctricos, 120 quilogramos de envases baleiros contaminados e 330 quilos, equivalentes a 41 unidades, de pneumáticos que se atopaban fóra de uso. Tamén se entregaron 56 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 115 quilos de baterías de chumbo repartidos en 7 unidades, 12 quilogramos (400 unidades) de pilas e 12 unidades de aerosois.

Os entullos procedentes de obras menores supuxeron 20 metros cúbicos, aos que se sumaron 30 metros cúbicos de plásticos, 30 de metais e outros 60 de madeira, así como 98 quilogramos de pintura. Os veciños e veciñas tamén achegaron 80 litros de aceites vexetais e outros 63 de aceite de motor. O Punto Limpo tamén recolleu 6 metros cúbicos de roupa, 9 de papel e outros 60 de voluminosos como colchóns, sofás e escumas.

Horarios e teléfono de contacto
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí poden achegarse todos os veciños e veciñas de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.

O centro está aberto preto de 40 horas semanais en xornada de mañá e tarde entre luns e o sábado. Así, o Punto Limpo abre de luns a venres de 10:00h a 14:00 horas e de 16:00h a 18:00 horas. Os sábados o horario é de 9:00h a 14:00 horas e de 16:00h a 20:00 horas. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 536 688. Para a recollida de voluminosos e enseres a domicilio, a cidadanía que chamar ao número de teléfono 981 19 12 40.

O parque de reciclaxe ou Punto Limpo é un centro de aporte voluntario, equipado de colectores específicos, capacitado para recibir residuos dos particulares censados en Ames que deberán acudir ao centro co DNI ou volante de empadroamento. O servizo é de balde para estes/as veciños/as. O Punto Limpo favorece a separación en orixe, contribuíndo á reciclaxe dos residuos e participando na loita contra os vertidos incontrolados.

Imaxe do Punto Limpo do Milladoiro

Multimedia

  • Imaxe do Punto Limpo do Milladoiro
  • Imaxe do Punto Limpo do Milladoiro