Solapas principales

O rock galego volve ao Milladoiro coa undécima edición do Millarock, o próximo venres 5 de agosto

Viernes, 29 de julio de 2022

Todo está listo para que O Milladoiro acolla un ano máis o Millarock, unha cita consolidada no calendario do rock galego xa na súa undécima edición, continuando a aposta polas bandas emerxentes e a música en galego. O festival volve a contar este ano con aforo ilimitado e entrada libre e de balde, e celebrarase o próximo venres 5 de agosto na travesía do Porto, a partir das 21:00 horas. O XI Millarock, que contará cos grupos The Rapants, Battosai, Biribirlocke e Chicharrón, é un dos grandes protagonistas do cartel “Ames en Festas”, no que se suman once días de celebración no Milladoiro e Bertamiráns ao encadear as festas da Madalena e da Peregrina, do 4 ao 14 de agosto.

O rock galego volve ao Milladoiro en apenas unha semana, o venres 5 de agosto, cunha nova edición do Millarock, que deixa atrás as restricións do 2021 e contará de novo con entrada libre e aforo ilimitado. A fórmula do festival non muda e continúa pulando pola música na nosa lingua, por voces femininas e por grupos emerxentes da contorna, nesta ocasión cun cartel formado polos grupos The Rapants, Battosai, Biribirlocke e Chicharrón.

O Millarock, organizado pola Concellaría de Cultura, é unha das citas máis asentadas no calendario cultural amesán. Xa na súa undécima edición, por este festival pasaron bandas consolidadas na escena galega, como Terbutalina, Bala, Nao, Zënzar, Dios Ke Te Crew, Agoraphobia, Heredeiros da Crus, Medomedá ou Familia Caamagno, entre outras.

Ademais, e como é habitual nos últimos anos, o Millarock será unha das grandes citas das festas da Madalena do Milladoiro, que este ano se celebran do xoves 4 ao martes 9 de agosto. Deste xeito, o final destas coincidirá co comezo das festas da Peregrina de Bertamiráns, que irán do martes 9 ao domingo 14, sumando once días de celebracións seguidos nos dous núcleos principais do concello.

A programación ao completo de ambas festas compón o cartel “Ames en Festas”, no que colaboran o Concello de Ames, as comisións de festas do Milladoiro e da Peregrina e a Xuntanza de Empresarios de Ames. Premendo nesta ligazón pódese consultar o folleto informativo de “Ames en Festas” 2022.

Cartel do XI Millarock, o venres 5 de agosto na travesía do Porto do Milladoiro

The Rapants é unha banda de indie e garage formada en Muros en 2018. Son Xanma e Samuel á guitarra, Xaquín á batería e Matías ao baixo. O estilo destes catro mozos apóiase en temas animados e directos cargados de enerxía. As súas letras falan de amor, desamor, mocidade ou festa; todo cunha base musical baseada en ritmos disco e guitarras indies.

Battosai son Héctor, Nolo e Gus que en 2018 se xuntan para formar unha banda inspirada nos seus gustos compartidos polo rock da década dos 90 e 00, o grunge, o punk, o emo ou o rock alternativo. Froito desa fusión xurdiron os seus primeiros singles "Cuánto Tiempo" e "12:21" e o seu primeiro LP "Battosai".

Biribirlocke comezou no rock and roll en 2010. A banda está formada por Héctor Ojea na batería, Raúl G. Doldán na guitarra, Carlos Freire no baixo, Andrea Pérez no saxo e Benja Seoane na voz. Trátase dun grupo cun directo moi potente con rock an roll feito en galego. Biribirlocke destaca pola enerxía coa que soben ao escenario e polo uso de cordas e ventos o que orixina un rock and roll moi particular.

Chicharrón é unha banda de Carballo que nace en 2014. A banda está formado por  Mara á voz, Alberto con voces e guitarra, Rosalía ao acordeón, Rubén ao teclados, Matías nos arranxos e Adrián á batería. Destacan por un estilo próximo ao pop e ao rock pero cunha vertente de música electrónica, un estilo que segue moi presente no seu último disco “Erosión” publicado en 2022.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "O rock máis galego chega a Milladoiro a vindeira semana"

AMSGO!: "11 Millarock, o próximo venres 5 de agosto"

O rock galego volve ao Milladoiro coa undécima edición do Millarock, o próximo venres 5 de agosto

Multimedia

  • Cartaz do XI Millarock
  • Cartaz de "Ames en Festas" 2022