- Tematica
As restricións provocadas pola loita contra a COVID19 provocan que este ano o acto de acendido das luces de Nadal sexa máis sinxelo que noutras ocasións. Celebrarase o sábado, 28 de novembro, ás 18:00 horas, coa presenza do alcalde e varios membros da corporación. O alumnado do obradoiro de emprego, que este ano se formou en sistemas de enerxía fotovoltaica, construíu unha árbore que xa está instalada na praza do Concello e que iluminará os postos do mercado de rúa. Unha das alumnas deste obradoiro será precisamente quen prema o botón que acenda as luces.
Non vai ser un Nadal como outros. As reunións familiares veranse moi restrinxidas e actos tradicionais, como a cabalgata de Reis ou o convite a chocolate con churros co que o concello agasallaba á veciñanza nesta data, non se van poder celebrar. Emporiso, o concello de Ames acenderá as luces de Nadal o vindeiro sábado nun sinxelo acto co quere apoiar ás familias e ao comercio local nestes tempos difíciles.
Ademais e malia as dificultades que supón nestes tempos de pandemia a realización de calquera acto ou evento, Ames manterá na medida do posible algunha das actividades que adoitaba poñer en marcha no Nadal e que teñen como finalidade animar á cidadanía e promover as compras no comercio local.
Ao acendido das luces na casa consistorial, súmase a colocación dunha árbore de 15 metros na praza de Manuel Murguía do Milladoiro, unha bola xigante na praza da Madalena, tamén no Milladoiro, as cifras 2021 na praza da Maía de Bertamiráns, e un fotocall na praza do Concello. Todos estes elementos decorativos servirán como base para o concurso “Ilumina o teu sorriso”, que organizan as asociacións de comerciantes en colaboración co concello e que este ano ademais outorgará un premio máis que o ano pasado. Manterase tamén o tradicional “Concurso de escaparates” do concello e está previsto que a concellaría de Promoción Económica poña en marcha un servizo de conciliación para facilitar as compras das familias no comercio local.
“Hoxe máis que nunca é preciso que haxa algo de alegría nas rúas, que as familias non esquezan que a pesares de todo é Nadal e que as nenas e os nenos que lles tocou vivir este período tan complicado non perdan a ilusión”, manifesta a concelleira de Promoción Económica Ana Paz, quen tamén pon en primeiro plano aos comerciantes de Ames: “Somos moi conscientes do enorme apoio que o noso comercio local necesita nestes momentos, por iso estas luces tamén son para eles, para que a todas e a todos nos axuden a saír á rúa e mercar todos os agasallos e todo o que precisamos para pasar o Nadal nos nosos establecementos”.
“En Ames, témolo todo!”
Precisamente á campaña “En Ames témolo todo”, incrementará a presenza en medios de comunicación neste tempo que abeira as Festas de Nadal, Aninovo e Reis, emitindo publicidade nos autobuses de Santiago e Bertamiráns, un vídeo resumo da campaña nos informativos da TVG e cuñas en distintas emisoras de radio. Ademais está previsto que, coma aconteceu estes últimos anos, a concellaría de Promoción Económica, sempre que a normativa o permita, poña en marcha un servizo de conciliación que facilite ás familias facer as tranquilamente as compras de Nadal, sabendo que os seus fillos están ben atendidos.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Música para encender hoy las luces en Negreira y austeridad en Ames"
La Voz de Galicia: "Pasacalles mágico para el alumbrado navideño de Negreira y un árbol de diseño fotovoltaico en Ames"
La Voz de Galicia: "La iluminación de Nadal se enciende este sábado en Ames y Negreira"
Compostela 24horas: "O sábado 28 de novembro acéndense as luces de Nadal en Ames"
Revista AmesGo: "As luces de Nadal acenderanse o sábado 28"