Solapas principales

O servizo de ludoteca acolleu a preto de 250 rapaces neste Nadal

Martes, 18 de enero de 2011

[18-01-2011] O Concello de Ames puxo en marcha, un ano máis, o servizo de ludoteca de Nadal por medio da Concellaría de Promoción Económica. Con esta iniciativa os veciños e veciñas do Concello poden realizar as súas compras de Nadal sen ter que preocuparse polos cativos. A demanda deste servizo medrou un 22% se temos en conta as cifras do ano pasado, amosando a necesidade desta ludoteca no marco da promoción do comercio local durante as festas.

O servizo de ludoteca de Nadal volveu a Ames superando os bos datos do ano pasado. Nesta ocasión foron 237 rapaces e rapazas de entre 2 e 12 anos as que participaron nesta iniciativa que permitiu aos seus pais e nais efectuaren as súas compras de Nadal con tranquilidade, co obxectivo de dinamizar e apoiar o comercio local nunhas datas tan sinaladas e importantes no marco da campaña do comercio de Ames. Ademais os cativos puideron divertirse nos centros de ocio "O Bosque Animado" do Milladoiro e "Educalia" de Bertamiráns.

A iniciativa púxose en marcha por quinto ano consecutivo superando os boas cifras de participación de edicións anteriores. Nesta ocasión, baixo o lema 'Para que ir máis lonxe? No Nadal, tamén, merca en Ames' os pais e nais do Concello dispuxeron dunha nova oportunidade, os días 13, 20 e 27 de decembro e 3 e 5 de xaneiro, para realizar as súas compras de Nadal en establecementos amienses sen preocuparse polos seus fillos e fillas. O servizo ofrecíase en horario de tarde entre as 16:30 h. e as 20:30 horas, agás na véspera de Reis que se ofreceu en quenda de mañá, dende as 11:00 h. ata as 14:00 horas.

O luns 13 de decembro a iniciativa acolleu a 24 rapaces do concello, 10 en Bertamiráns e 14 no Milladoiro. O día 20 foron 30 e 20, respectivamente. O luns 27 acudiron 24 rapaces ao centro "Educalia" e 22 a "O Bosque Animado", mentres que xa en xaneiro, o día 3 foron 28 e 30. Na véspera de reis, o día 5, participaron da iniciativa 59 rapaces, 34 en Bertamiráns e 25 no Milladoiro. En total pasaron 126 cativos polo centro "Educalia" de Bertamiráns e 111 por "O Bosque Animado" do Milladoiro.

Estes datos arroxan un incremento de 43 cativos respecto aos usuarios/as do ano pasado, no que houbo un total de 194 participantes. Isto supón un incremento nun só ano dun 22%. Con esta iniciativa o Concello apoia o comercio local nas cruciais datas do Nadal. Os pais e nais que fixesen uso deste servizo gratuíto só tiñan que presentar unha nota de compra dalgún establecemento da localidade, potenciando así que as compras destas datas se realicen en Ames e revertan de xeito positivo na economía do Concello.

Dende o Concello esperábase un aumento do uso deste servizo, xa que a ludoteca de Nadal está consolidada dentro das iniciativas que se desenvolven na Campaña de Nadal, pero recoñecen que non agardaban un incremento tan significativo. " Foi unha grata sorpresa que pon de manifesto a boa acollida e valoración deste servizo por parte das persoas que mercan nos comercios de Ames. Non hai que esquecer que parte dos usuarios non son residentes en Ames", explicou a concelleira de Promoción Económica, Úrsula Seijas.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Las ludotecas de Ames reunieron a casi 250 niños en Navidad"