- Tematica
O servizo de transporte adaptado, que xestiona a Oficina de Voluntariado do Concello de Ames, aumentou as súas funcións durante os últimos meses, debido ás necesidade dos veciños e veciñas de Ames. Dende a pandemia da Covid-19, o servizo de transporte adaptado, ademais de trasladar ao médico ou a edificios institucionais a aquelas persoas con mobilidade reducida, tamén se encarga de repartir a domicilio os produtos do banco de alimentos.
Grazas a este servizo pódense levar a cabo os programas de "É hora de sumar", atendendo ás necesidades básicas da poboación amesá máis vulnerable para que non teñan que saír máis do necesario. Este servizo tamén se presta a aquelas persoas que están en situación de confinamento, ben sexa preventivo ou por dar positivo por Covid-19, xestionando a compra de alimentación e medicamentos e levándollas ao seu domicilio.
A Oficina de Voluntariado de Ames presta un servizo moi solicitado e agradecido por parte dos veciños e veciñas do concello. Todas aquelas persoas con mobilidade reducida poden solicitar o transporte adaptado da OVA co que se achega ás persoas maiores ou con dificultades para moverse ata o médico, a facer recados, ou aos edificios institucionais para arranxar trámites.
Non obstante, dende a pandemia da Covid-19, as restricións impediron a Oficina de Voluntariado levar a cabo moitas actividades lúdicas e, por outro lado, mudaron as necesidades dos veciños e veciñas. Por iso, a OVA adaptouse á situación actual e adicou parte do seu tempo no servizo de transporte adaptado engadíndolle máis funcións.
Os martes e xoves de cada semana, un voluntario reparte a domicilio os produtos do Banco de Alimentos entre as familias máis vulnerables do concello. Ademais, un día á semana faise a compra no supermercado a aquelas persoas que o precisen e lévana ata as súas casas. Este servizo tamén o ofrecen cos medicamentos nas farmacias.
Para que as familias con menos recursos e menores ao seu cargo poidan desfrutar de produtos de primeira necesidade e frescos como verdura, froitas, lácteos e embutido, a Oficina de Voluntariado engadiu aos seus programas o reparto de cestas saudables. O reparto destes produtos realízase os venres.
Dende fai seis meses, tamén se poden doar aveños como carriños de bebés, ordenadores, xoguetes.. ou calquera obxecto que estea en bo estado e outra persoa poida necesitar.
As familias que queiran doar aveños ou alimentos, ou os precisen, así como utilizar algún dos servizos que se prestan: compra e reparto de alimentación e medicinas, poden facelo dirixíndose á Oficina do Voluntariado, chamando ao 662 377 044, en horario de 9:00 á 14:00 horas, ou enviando un correo electrónico coa súa solicitude a voluntariado@concellodeames.gal.