Solapas principales

O Teatro do Noroeste organiza, en colaboración co Concello de Ames, unha mesa de debate sobre as artes escénicas despois da Covid-19

Martes, 16 de marzo de 2021

A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o mércores, 24 de marzo, ás 19.00 horas, un debate sobre “As artes escénicas despois da Covid-19 e incidencia do Xacobeo na súa reactivación”. No encontro participarán as compañías Teatro do Noroeste e Teatro do Atlántico, a empresa de produción audiovisual Chiripa producións, a compañía de danza Druída e a de títeres Cachirulo. O acto será aberto ao público e de balde, pero  retransmitirase por streaming para quen queira participar en liña.

Salas de teatro pechadas, aforos limitados e xiras canceladas. A compañía de Teatro do Noroeste organiza, coa colaboración do Concello de Ames, unha mesa de debate sobre a situación das artes escénicas despois da Covid-19 e a incidencia do Xacobeo na súa reactivación.

No coloquio falarase sobre como se van a realizar as artes escénicas, dende o teatro ou a danza ata os títeres, tras a pandemia. Comentaranse as experiencias profesionais de cada unha das empresas que participan. Tamén se exporán as opinións que teñen os seus representantes de como se xestionou a situación tras as restricións que afectaron ao sector cultural. Agora que xa se permite o acceso do 30% do aforo, as compañías comezan a retomar a actividade cultural.

Ademais, falarase de cara ao futuro e de como o Xacobeo pode influír a prol desta situación.

Teatro do Noroeste, a encargada de levar a cabo este debate, é unha compañía de teatro galega fundada no 1987 e única radicada en Ames. Entre os espectáculos que produciu, pódense salientar desde textos clásicos como: Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais, até textos máis contemporáneos como Os Xustos, de Albert Camús, ou de autores galegos como Historias Peregrinas, ou A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro.

Eduardo Alonso, compoñente xunto con Luma Gómez do Teatro de Noroeste, asegura que a iniciativa da mesa xurdiu porque “atopabámonos moi desorientados durante moito tempo, foi un golpe duro para o sector. Pensar en voz alta cos teus compañeiros sobre como saír desta, pode axudar”.

No coloquio tamén intervirá Xulio Lago, representante de Teatro do Atlántico, compañía constituída no ano 1985 por María Barcala e Xúlio Lago e que leva realizadas, ata o momento, 35 producións, entre as que podemos suliñar «Casa de Bonecas«, de Ibsen, «A noite das Tríbades» de Olov Enquist ou «Amor de don Perlimplin con Belisa no Xardín», de García Lorca.

A compañía de títeres Cachirul  aportará o seu punto de vista, a través de Julio Rey, sobre as consecuencias da Covid-19. Creada en 1985, a empresa caracterízase por unha producción de espectáculos que combina textos clásicos con autorías propias dunha gran variedade técnica: marionetas de fío, luva chinesa, bunraku, guiñol, sombras, obxectos e teatro de rúa.

Na mesa tamén debaterán Eva Alonso, representante da empresa de producción audiovisual Chiripa producións e Mercedes Suárez, da compañía de danza Druída.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Compañías de teatro, danza y títeres abordan el futuro del sector en Ames"

Mesa de debate.

Multimedia

  • Mesa de debate.