Solapas principales

O sábado 30 de novembro estréase no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns a curtametraxe “Raíces. Da utopía en diante”

Jueves, 21 de noviembre de 2024

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación da curtametraxe “Raíces. Da utopía en diante”, que será estreada o vindeiro sábado, 30 de novembro, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. A curta está ambientada nun Ames utópico de 2074 e está protagonizada por un grupo de mulleres da parroquia de Biduído. As cooperativas Feitoría Verde e Illa Bufarda son as entidades promotoras do proxecto, que conta co financiamento da Fundación Daniel e Nina Carasso e o Concello de Ames, entre outras entidades. Premendo nesta ligazón podes ver o tráiler da curtametraxe “Raíces. Da utopía en diante”.

Ames, 2074. Anos despois da revolución climática, Biduído está repleto de árbores autóctonas. Escoitamos paxaros. Vemos varias placas solares nos tellados das casas, moitas delas tradicionais. A xente traballa ao lonxe nas hortas comunitarias...

Así comeza a curtametraxe e así imaxina o seu concello o grupo de mulleres que participa no proxecto “Do Desequilibrio aos soños compartidos”; unha iniciativa de Educación Ambiental centrada na emerxencia climática que, a través dunha metodoloxía interxeracional, busca imaxinar un futuro sostible para inspirar os cambios que esixen os retos ambientais presentes.

Presentación da curtametraxe
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación da curtametraxe “Raíces. Da utopía en diante”. A dito acto asistiron Javier Antelo, concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural; Sabela Iglesias, de Illa Bufarda; e Miguel Pardellas, de Feitoría Verde.

Javier Antelo, concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, destacou a colaboración do Concello co audiovisual galego, sobre todo “a importancia e aposta de colaborar economicamente nestes proxectos máis pequenos que moitas veces contan o que produtoras máis grandes non van contar”.     Así mesmo, resaltou a pegada e especial relación de Ames neste proxecto, “Practicamente o 90% da rodaxe se fixo no Concello de Ames, as mulleres da curta tamén son do municipio polo que hai unha relación do concello con este proxecto moi profunda”.

Pola súa banda, Sabela Iglesias, da produtora Illa Bufarda, destacou a perspectiva feminista da curta. “É unha historia contada por mulleres, creada integramente por elas, con todo o que isto implica a nivel de mirada, posicionamento, os conflitos que se tratan e como se resolven, ademais de estar interpretada por mulleres que non son profesionais”. Deste xeito, Sabela Iglesias subliñou que no proxecto “implicáronse máis de 50 persoas e entidades locais de Ames” e que “quixemos relatar unha utopía que tamén sexa posible”.

Miguel Pardellas, da produtora Feitoría Verde, explicou que "a curtametraxe responde á última fase do proxecto no que levamos traballando desde o 2021, dun traballo continuado deste grupo cos tres concellos (Pontevedra, Padrón e Ames) onde buscamos unha clave interxeracional, artística e na última etapa, co grupo especificamente de Ames, das aldeas de Biduído e Casanova, dar ese salto a traducir ao audiovisual esas narrativas de futuro".

Promotoras do proxecto: Feitoría Verde e Illa Bufarda
Esta proposta nace da colaboración entre a cooperativa sen ánimo de lucro Feitoría Verde, o grupo Chévere, o Grupo de Investigación en Educación Ambiental e Pedagoxía Social (SEPA), da Universidade de Santiago de Compostela, e a cooperativa Illa Bufarda.

Dende o ano 2021, co financiamento da Fundación Daniel e Nina Carasso e os Concellos de Ames, Padrón e Pontevedra, o proxecto desenvolveuse con grupos interxeracionais que traballaron na identificación das causas e consecuencias do cambio climático, e a busca de alternativas. Un proceso que finalizou con tres intervencións artístico-teatrais nas que amosar futuros sustentables e desexables construídos polos propios grupos. A partir destes relatos utópicos, en marzo de 2024, o grupo de mulleres da parroquia de Biduído, no Concello de Ames, comezou a elaboración do guión dunha curtametraxe que agora se estrea.

Foi este grupo de veciñas o que decidiu as personaxes, as súas vidas e as historias que estarían presentes nun Ames utópico. Tamén son elas as protagonistas, xunto con moitos veciños e veciñas que participaron na rodaxe.

Amosar un futuro esperanzador e desexable
A curtametraxe ten como obxectivo amosar un futuro posible e desexable; un futuro esperanzador que, partindo da realidade cotiá dun grupo de mulleres, convide a imaxinar outra forma de facer e de relacionarse, entre nós e coa natureza. Medio ambiente, xénero, rural e comunidade son os piares dunha historia que aspira a facernos ver o mañá doutro xeito.

O evento de presentación da curta, o 30 de novembro, comezará ás 19:30 cunha alfombra verde e un photocall polo que pasarán boa parte das protagonistas. As mesmas que, despois da proxección, ás 20:00 horas, participarán nun coloquio co público e as entidades impulsoras, Feitoría Verde e Illa Bufarda.

A entrada é de balde ata completar aforo. Despois desta pre-estrea, a curtametraxe comezará a súa andaina por distintos festivais, así como a súa proxección noutros espazos comunitarios.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames prepara a estrea dunha curta que imaxina como será a vida en 2074"

Lindeiros: "Estrea de "Raíces. Da utopía en diante", Ames no 2074"

Imaxe da presentación da curtametraxe

Multimedia

  • Imaxe da presentación da curtametraxe
  • Imaxe da presentación da curtametraxe
  • Imaxe da presentación da curtametraxe
  • Embedded thumbnail for