- Tematica
O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este pasado xoves 16 de decembro a gala de entrega de premios da sétima edición do certame de fotografía comercial “Parque Empresarial Novo Milladoiro”. Presentada por Quico Cadaval e coa música de Gerson Tineo, as tres asociacións de empresarias e comerciantes amesás repartiron seis galardóns ás fotografías seleccionadas, nunha gala á que acudiron, en representación do Goberno local, o alcalde de Ames, Blas García, así como as concelleiras de Promoción Económica, Cultura e Facenda, Ana Belén Paz, Natividade González e Gemma Otero.
O Certame de Fotografía “Parque Empresarial Novo Milladoiro”, xa na súa sétima edición, está organizado pola Asociación de Empresarios do Parque Empresarial Novo Milladoiro, en colaboración coa Concellaría de Promoción Económica, a Asociación de Pequenos Comerciantes Palmira Bulevar e a Xuntanza de Empresarios de Ames. No concurso podía participar calquera persoa, con fotografías tiradas no parque empresarial ou en calquera das súas empresas, e con calquera tipo de técnica e estilo, sempre que primase o enfoque comercial da imaxe.
Os gañadores e gañadoras déronse a coñecer o pasado xoves 16, nunha gala de entrega de premios que tivo lugar no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Outorgáronse tres premios á categoría absoluta e tres máis á categoría infantil – xuvenil.
Na categoría absoluta, as persoas galardoadas foron, co primeiro premio, de 500 euros, Francisco J. Fandiño López; co segundo, de 400 euros, Claudia Tarin Herrera, e co terceiro, de 300 euros, Jennifer Novoa Domínguez. Os galardóns foron entregados polo alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e o presidente do xurado, Alberto Uzal.
Pola súa banda, na categoría infantil, o primeiro premio, dun vale de 75 euros, foi para Iria López Castro; o segundo premio, dun vale de 50 euros, para Lara Fernández Portela, e o terceiro, dun vale de 40 euros, para Clara Santos. Neste caso, fixeron entrega dos premios Javier Santos Blanco, presidente da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro; a concelleira de Cultura, Natividade González, e a concelleira de Facenda, Gemma Otero.
As seis persoas gañadoras recibiron un trofeo artesanal, cunha composición de encaixe montada nun pedestal de nogueira, serigrafiada co nome de cada galardoada. Os encaixes foron elaborados pola artesá amesá Ana Rosa Liste.
Exposición de todas as fotos participantes
Todas as fotografías presentadas ao concurso fotográfico “Parque Empresarial Novo Milladoiro” están expostas, dende o día 1 ata o 22 de decembro, no segundo andar da Casa da Cultura do Milladoiro, co seu título e sen o nome do autor ou autora. As fotos debían estar tomadas no parque empresarial, co fin de fomentar a participación da cidadanía na actividade económica amesá. A exposición cambiará de lugar a partir do día 23 de decembro, cando se desprace ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns, onde estará ata o 31 de decembro.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Francisco Fandiño e Iria López, los que mejor retrataron el polígono local"
Compostela 24 Horas: "O VII Certame de Fotografía “Parque Empresarial Novo Milladoiro” xa ten gañadoras e gañadores"