Solapas principales

O xoves, 2 de marzo, celebrouse a presentación do libro “Mordouelias. Rosalía e as Terras da Maía”

Miércoles, 08 de marzo de 2023

Dentro da programación de actividades organizadas en Ames con motivo do Día de Rosalía, que se conmemorou o pasado 23 de febreiro, o departamento de Turismo de Ames organizou a presentación do libro “Mordouelias. Rosalía e as Terras da Maía”, que tivo lugar o pasado xoves, 2 de marzo. A obra, editada polo Concello de Ames e a Fundación Rosalía de Castro, foi escrita pola filóloga e experta rosaliana María López Sández, que ingresará como membro de número na Real Academia Galega este sábado, 11 de marzo. Ademais da autora, no evento estiveron presentes o presidente de dita fundación, Anxo Angueira; o alcalde de Ames, Blas García; e o concelleiro de Turismo, Manuel Lens.

Antes do comezo do acto, celebrado no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, os asistentes asistiron á plantación dunha figueira, árbore moi presente na obra de Rosalía. Dita plantación realizouse na zona verde situada ao lado do anfiteatro ao aire libre e da área de autocaravanas. A figueira, filla da que medra na Casa da escritora, en Padrón, foi doada pola Fundación Rosalía de Castro, e simboliza a relación entre a escritora e o val da Maía, lugar que marcou a súa vida e obra.

Posteriormente, xa na Casa da Cultura, o músico Oli Xiráldez ofreceu unha interpretación musical de varias pezas coa zanfona, previa á intervención dos convidados ao evento. Tras a benvida e a presentación do concelleiro de Turismo, Manuel Lens, participaron o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, e a escritora da obra, a filóloga María López Sández. O peche correu a cargo do alcalde de Ames, Blas García. Así mesmo, realizouse unha última representación poético-musical de Angueira e Xiráldez.

“Mordouelias. Rosalía e as Terras da Maía” abarca a relación entre Ames e a súa contorna e a propia vida e obra da autora. Así, no libro recórrense os distintos escenarios do concello e os seus arredores vinculados á vida familiar e á obra da escritora. Deste xeito, realízase un percorrido literario polo Pazo da Peregrina, polos Muíños de Lapido, pola súa casa paterna e lugar de nacemento do Seminario de Estudos Galegos, situada en Ortoño; e pola costa de Mar de Ovellas, mencionada no poema “A probiña, que está xorda!”.

Con esta actividade, o Concello de Ames súmase á programación e aos actos de conmemoración do Centenario do Seminario de Estudos Galegos. Na creación desta institución, que desempeñou un importante papel na investigación e dignificación da cultura galega, xogou un relevante papel a casa paterna de Rosalía, tal e como describe a placa situada no muro da vivenda, que reza “Aquí naceu o Seminario de Estudos Galegos. XII-X-MCMXXIII”.

Premendo nesta ligazón pódese acceder á versión web do libro “Mordouelias. Rosalía e as Terras da Maía”.

Imaxe da presentación do libro

Multimedia

  • O xoves, 2 de marzo, celebrouse a presentación do libro “Mordouelias. Rosalía e as Terras da Maía”
  • O xoves, 2 de marzo, celebrouse a presentación do libro “Mordouelias. Rosalía e as Terras da Maía”
  • O xoves, 2 de marzo, celebrouse a presentación do libro “Mordouelias. Rosalía e as Terras da Maía”
  • O xoves, 2 de marzo, celebrouse a presentación do libro “Mordouelias. Rosalía e as Terras da Maía”
  • Embedded thumbnail for