Solapas principales

A obra de teatro "As alumnas" chega este venres 4 de novembro a Ames

Martes, 01 de noviembre de 2022

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres, 4 de novembro, a representación da obra de teatro “As alumnas”, producida por Culturactiva. Dirixida a un público adulto, trata sobre a figura da pedagoga galega María Barbeito, e sobre o retroceso na educación das mulleres durante o franquismo. Será ás 20:30 horas. A obra enmárcase dentro do convenio asinado entre o Concello de Ames e Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC). As entradas pódense retirar na billeteira electrónica do Concello de Ames.

A educación, elemento primordial no desenvolvemento e na liberdade das persoas, é a peza fundamental da obra. As dúas personaxes que a protagonizan representan a dúas alumnas da pedagoga María Barbeito, no marco anterior e posterior á guerra civil, facendo un relato sobre as transformacións sociais da época.

“As alumnas” ten como obxectivo transitar pola memoria histórica, poñendo de relevancia aspectos como a innovación pedagóxica, da que a galega María Barbeito foi abandeirada, así como o proceso de depuración educativa que se levou a cabo durante o franquismo, e o grande retroceso que supuxo para a educación das mulleres o paso da república á ditadura.

As entradas poden adquirirse por cinco euros a través da billeteira electrónica do Concello de Ames, ou ben nas Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns o mesmo día do espectáculo, a partir dunha hora antes do seu comezo. O estudantado con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos, os menores de 12 anos, as familias numerosas, os mozos e mozas con carné xove e as persoas demandantes de emprego poderán beneficiarse dun desconto do 50% do custo ordinario da entrada.

Elenco e dirección

A obra está dirixida pola galega Fina Calleja. Membro da compañía Sarabela Teatro dende 1998, Calleja é tamén docente na Aula de Teatro Universitario de Ourense. Ao longo da súa carreira profesional recibiu premios como o María Casares ao mellor texto adaptado, polas versións teatrais de O lapis do carpinteiro e Sexismunda. Ademais, tamén conta con experiencia como actriz, e ten participado en varias series de televisión, como Padre Casares.

O electo complétano as actrices Mónica Camaño e Anabell Gago. Camaño (Cangas do Morrazo, 1971) conta cunha longa traxectoria profesional ás súas costas como actriz e directora. No 2008 recibiu o premio María Casares pola súa interpretación no espectáculo Emigrados. Gago, pola súa, banda, tamén ten traballado en numerosas ocasións como actriz e directora. Destaca a súa presenza no mundo audiovisual, participando en series como Rías Baixas ou Terras de Miranda.

"As alumnas" está protagonizada por Anabell Gago e Mónica Camaño

Multimedia

  • A obra de teatro "As alumnas" chega este venres 4 de novembro a Ames