- Tematica
A peza teatral “Continente María”, de Ainé Producións e A Quinta do Cuadrante, chega este venres, 24 de marzo, á Casa da Cultura de Bertamiráns. A obra, dirixida a un público adulto, pretende homenaxear a figura de María Casares, achegándoa ao público, e dar a coñecer a condición dos artistas nun mundo en continuo cambio. Será ás 20:30 horas, e ten unha duración aproximada de 70 minutos. Esta representación, que ten lugar con motivo da conmemoración do Día Mundial do Teatro, celebrado o 27 de marzo, forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega da Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames. As entradas xa se poden adquirir na Billeteira electrónica de Ames. A programación cultural de Ames para o primeiro semestre de 2023 pode consultarse ao completo premendo nesta ligazón.
“Continente María” é un canto á vida e ao teatro a través do diálogo coa figura de María Casares. A obra foi creada con motivo do centenario do nacemento da artista, celebrado no ano 2022. Nela, a actriz evócase como unha gran profesional, pero tamén como unha persoa entregada con absoluta intensidade á vida e á escena para vencer o medo e sobrepoñerse ao exilio, descubrindo unha verdadeira paixón enriba das táboas.
Na obra, Casares preséntase como un continente a recorrer, establecendo unha cartografía emocional baseada nas súas vivencias, pensamentos e recordos, viaxando a través dun diálogo entre o presente e o pasado. Así, convérsase co legado da actriz, tratando de recoller a retranca, o humor e a musicalidade que se desprende das súas entrevistas e escritos.
Ademais, a través da figura de María Casares, a peza teatral pretende reivindicar aos artistas actuais e a súa condición nun mundo de continuo cambio, analizando escenicamente as contradicións da propia sociedade. Deste xeito, preténdese empregar a referencia da actriz como un faro que arroxa luz e claridade a un presente que precisa referentes de liberdade e compromiso.
Para consultar máis información sobre a obra e ver os teasers pódese premer nesta ligazón.
Elenco e dirección
A obra está protagonizada pola actriz Melania Cruz, que vén de recibir o Premio da Cultura Galega 2022. Cruz é amplamente coñecida polo público galego pola súa participación en series como Serramoura, A Estiba, Contou Rosalía ou Viradeira. Así mesmo, conta cunha extensa carreira no ámbito teatral. Entre o seu palmarés conta con tres Premios Mestre Mateo e un Premio María Casares a mellor actriz.
O texto da peza levouno a cabo de Marianella Morena, dramaturga e docente. Da dirección encárgase Tito Asorey, responsable de grandes espectáculos como O home Almofada e Perplexo. Por outra banda, Vadim Yukhnevich corre a cargo da música en escena, José Faro “Coti” da escenografía e Laura Iturralde da iluminación.
Venda de entradas
As entradas poden adquirirse na Billeteira electrónica do Concello de Ames, e teñen un prezo de 5 euros (a xeral) ou 2,5 euros (a prezo reducido). Poderán beneficiarse deste desconto do 50% os estudantes con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos e os menores de 12, as familias numerosas, os mozos e mozas con carné xove e as persoas demandantes de emprego.
Tamén se poderá mercar a entrada na propia Casa da Cultura de Bertamiráns, a partir dunha hora antes de que dea comezo o espectáculo, en caso de que non completase aínda o aforo. Rógase aos espectadores puntualidade.
Novas relacionadas:
Lindeiros: "A obra 'Continente María', inspirada en María Casares, este venres en Ames"