Solapas principales

A obra de teatro N.E.V.E.R.M.O.R.E abre a programación cultural do 2023 en Ames este venres, 20 de xaneiro

Miércoles, 18 de enero de 2023

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres, 20 de xaneiro, a representación da obra de teatro “N.E.V.E.R.M.O.R.E”, da compañía Chévere. Dirixida a un público adulto, trata sobre a catástrofe do Prestige, observada vinte anos despois do tráxico suceso. Será ás 20:30 horas, e ten unha duración aproximada duns 105  minutos. Esta representación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames. As entradas xa se poden adquirir na Billeteira electrónica do Concello de Ames. A programación cultural de Ames para o primeiro semestre de 2023 poder consultarse ao completo premendo na seguinte ligazón.

N.E.V.E.R.M.O.R.E. é a resposta indescifrable que o corvo do poema de Poé dá unha e outra vez ás preguntas dun home que perdeu o que máis quería. Trátase dunha maneira de acudir á memoria colectiva do pobo galego, un pobo que, en decembro do 2022, fixo seu o berro do corvo. A historia é un conxuro para desfacer o feitizo que segue rodeando a catástrofe do Prestige.

Todas as melodías interpretadas na obra pertencen ao cancioneiro tradicional galego. Por exemplo, “E o corvo dixo Nevermore”, que é unha adaptación de “Canto de andar o camiño de Bembibre”, de Leilía; “Alalá das mariñas”, recollida por Faustino Santalices e cantada por Uxía Senlle na manifestación do 1 de decembro de 2022; “Maneo de Cances da Vila” ou “Muiñeira de Silván”.

A obra está dirixida por Xesús Ron (Xron), e interpretada por Manuel Cortés, Borja Fernández, Mónica García, Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo e Arantza Villar.

Venda de entradas
As entradas poden adquirirse na Billeteira electrónica do Concello de Ames, e teñen un prezo de 5 euros (a xeral) ou 2,5 euros (a prezo reducido). Poderán beneficiarse deste desconto do 50% os estudantes con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos e os menores de 12, as familias numerosas, os mozos e mozas con carné xove e as persoas demandantes de emprego.

Tamén se poderá mercar a entrada na propia Casa da Cultura de Bertamiráns, a partir dunha hora antes de que dea comezo o espectáculo, en caso de que non completase aínda o aforo. A venda pechará con estrita puntualidade cinco minutos antes da hora prevista de comezo do espectáculo.

Cartel da obra N.E.V.E.R.M.O.R.E

Multimedia

  • A obra de teatro N.E.V.E.R.M.O.R.E abre a programación cultural do 2023 en Ames este venres, 20 de xaneiro