[12-01-2011] Crítica ácida, humor político non censurado pola corrección que impón o sistema e moitas referenzas a unha realidade que nos sobarda pero da que aínda temos corpo e ganas de poñelo no punto de mira dos nosos sorrisos. Será o que atopemos na peza de teatro Life is a paripé, da compañía compostelá Obras Públicas, que se representará este venres ás 21:00 na Casa da Cultura do Milladoiro. O prezo da entrada é de 4 euros para o público xeral e de 2 euros para os nenos e os maiores.
A compañía de teatro compostelá Obras Públicas porá en escena este venres na Casa da Cultura do Milladoiro a partires das 21:00 horas unha realidade social que nos circunda mais, que, até o de agora, non saíra á luz pública sobre as táboas: o paripé. Unha forma de actuar e de comunicarse que xorde ante as dificultades da vida e para esconder as vergoñas propias. Life is a paripé é unha especie de peza cabareteira na que os feitos comúns das nosas comúns existencias se representan ante o público cunha carga de humor ácido e sarcástico que, por sentido do orgullo, negamos que teña presenza nas nosas indecorosas vidas. Diante de nós, unha poetisa de altos cumios literarios recita versos para os eucaliptos, un home decide pórse a nomear todas as posibles profesións do mundo, un par de namorados xoguetean cos sentimentos ou dous elementos que se atopan pola rúa procuran manter a ficción de que manteñen unha boa relación despois de teren roto como parella.
E todo isto sen decorados rimbombantes, nin vestiarios excesivos, nin efectos lumínicos ou doutro tipo que nos aparten do fundamental: a representación ao natural do paripé. Mais cun elemento fundamental, a música. A obra, escrita e dirixida por José Prieto, autor e director de Narón e gañador de dous prestixiosos premios Max, contará coa interpretación dos seus tres actores - Iolanda Muíños, recoñecida por todos aqueles que sigan a serie "Libro de familia" na que participa como actriz de reparto; César Goldi, intérprete de longa carreira iniciada nos primeiros noventa, e Mos- que logrou convencer a críticos coma Camilo Franco.