Solapas principales

A Oficina de Software Libre organiza un obradoiro avanzado de LibreOffice

Viernes, 10 de mayo de 2024

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL), coa colaboración da Concellaría de Benestar Social do Concello de Ames, organiza un obradoiro avanzado de LibreOffice. Esta actividade impartirase o sábado, 11 de maio, en horario de 11:00 a 13:00 horas. Trátase dunha actividade impartida por persoal da Oficina de Software Libre de Ames dentro das súas actividades de divulgación das novas tecnoloxías en Software Libre. A inscrición pódese realizar premendo nesta ligazón.

O sábado, 11 de maio, volve a organizarse unha nova actividade da Oficina de Voluntariado Informático de Software Libre, unha iniciativa impulsada por AGASOL coa colaboración da Concellaría de Benestar Social do Concello de Ames. A Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe Electrónica de Ames é un proxecto posto en marcha polo Concello de Ames e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL).

Esta é a segunda actividade da programación de 2024. Desta volta, verase como aproveitar algunhas das características que incorpora LibreOffice, e que son menos coñecidas polos usuarios desta suite ofimática, como compartir documentos cos usuarios doutras ferramentas ofimáticas, configurar correctamente o idioma preferido, exportar documentos a PDF híbrido ou como asinar dixitalmente un documento.  

Os participantes deberán levar un equipo propio cunha instalación de LibreOffice. A inscrición pódese realizar premendo nesta ligazón. A actividade impartirase na Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe de Ames, situada no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8, de 11:00 a 13:00 horas.

Divulgación das novas tecnoloxías en software libre
Cómpre lembrar que a Oficina de Software Libre centra as súas actividades en divulgar as novas tecnoloxías en software libre entre os grupos sociais menos favorecidos. Para conseguilo, impártense cursos de formación e realízanse actividades de alfabetización dixital para aquelas persoas que o necesiten. Ademais, ofrécese axuda para resolver dúbidas relacionadas coa tecnoloxía e establécese como punto de encontro onde aprender, compartir e construír.

Durante o pasado curso a Oficina desenvolveu diferentes actividades de formación e divulgación de tecnoloxías de software libre. En concreto, realizou o obradoiro “Aforra na túa factura da luz”; outro sobre “Automatización da túa casa, controla o teu fogar”; e un terceiro denominado “Repair café de equipos informáticos”.

A Oficina de Software Libre organiza un obradoiro avanzado de LibreOffice

Multimedia

  • A Oficina de Software Libre organiza un obradoiro avanzado de LibreOffice