Martes, 05 de mayo de 2020
- Tematica
Dende o departamento municipal de Voluntariado acaban de lanzar unha petición á veciñanza amesá para tratar de conseguir equipos informáticos en desuso para os/as nenos/as de familias vulnerables. Deste xeito, as persoas que dispoñan dalgún equipo informático que poidan doar poden poñerse en contacto coa OVA, a través do enderezo web voluntariado@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 044, en horario de 9.00 a 14.00 horas.
Os servizos sociais do Concello de Ames están realizando un intenso traballo para tratar de paliar os efectos negativos da pandemia da COVID-19 entre a veciñanza de Ames. Deste xeito, a Oficina de Voluntariado de Ames acaba de lanzar unha petición, a través da súa páxina de Facebook, para tratar de conseguir equipos informáticos para todos/as os/as nenos/as de familias vulnerables que non dispoñen de ordenadores para facer as tarefas do colexio.
Esta campaña denominada "Ponlle fin á fenda dixital" ten por obxectivo darlle una segunda vida a eses equipos que algunhas veces temos en desuso nos nosos fogares, cunha axeitada posta a punto, e que tanta falta lle fan a algunhas familias, fomentando ademais así a reciclaxe de recursos electrónicos.
Deste xeito, faise un chamamento a aquelas persoas que teñan algún equipo informático en desuso, pero que poida ser empregado por un neno/a que o precise. As persoas que dispoñan dalgún equipo informático que poidan doar poden poñerse en contacto coa OVA a través do enderezo web voluntariado@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 044, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Dende o Concello agradécese, de antemán, todas as colaboracións que se poidan facer.