- Tematica
A Oficina Municipal de Voluntariado de Ames (OVA) puxo en marcha este xoves, 1 de decembro, unha nova actividade dentro do seu programa Amessán, que ten como obxectivo fomentar un envellecemento activo e saudable entre a veciñanza do concello. Desta volta, a OVA pon en marcha un coro musical que xa conta con 19 participantes. Está dirixido por Xosé Luís Blanco Campaña, compositor de máis dun cento de cancións para artistas como Ana Kiro e Sito Mariño. As persoas que queiran participar aínda se poden inscribir. Os ensaios da agrupación son os xoves, de 19:30 a 20:30 horas, na Casa das Persoas Maiores de Bertamiráns.
“Gústache a música? Ven cantar con nós” é o lema baixo o que a Oficina de Voluntariado de Ames invita aos veciños e veciñas do Concello a unirse ao novo coro de Bertamiráns, que forma parte do programa Amessán. O obxectivo é reunir a diferentes persoas interesadas no mundo do canto co fin de realizar unha actividade en grupo e promover a estimulación cognitiva a través da música.
O coro comezou os ensaios o pasado xoves, 1 de decembro, e xa conta con 19 participantes. A agrupación reunirase todos os xoves, de 19:30 a 20:30 horas na Casa dos Maiores de Bertamiráns, e está dirixida polo xornalista, locutor, presentador de televisión e compositor Xosé Luís Blanco Campaña. Ao longo de toda a súa traxectoria, Blanco Campaña ten composto máis dun cento de cancións de música popular para artistas como Ana Kiro ou Sito Mariño, e tamén foi asesor da Enciclopedia Galega Universal.
Nesta ocasión, á actividade poderán unirse todos os veciños e veciñas que o desexen, e non será requisito indispensable ser maior de 60 anos. Para obter máis información ou para inscribirse pódese contactar coa OVA chamando ao número de teléfono 662 37 70 44.
Programa Amessán
O programa Amessán xa conta cunha ampla oferta de cursos: clases de decoración e restauración, estimulación cognitiva, ximnasia terapéutica, música tradicional galega ou bailo-terapia. Todas son actividades pensadas para manter a actividade e coidar a saúde física e emocional dos maiores do concello.
Este ano, como novidade, hai tamén actividades de guitarra e sesións de músico-terapia. Os distintos cursos impártense en Bertamiráns e no Milladoiro, así como nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Lens, Piñeiro, Tarroeira, Trasmonte e Oca.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Amessán anima a que os maiores se sumen ó coro"
La Voz de Galicia: "El plan Amessan promueve un coro de mayores de 60 años"