Solapas principales

A Oficina do Voluntariado de Ames lanza un ano máis unha campaña de captación de voluntarios/as

Sábado, 07 de septiembre de 2019

A Oficina do Voluntariado de Ames (OVA) desenvolve continuamente numerosas actividades de axuda a colectivos desfavorecidos ou que contan cunhas necesidades específicas. Pero a OVA precisa tamén apoio dos voluntarios/as, persoas que de xeito altruísta e solidario están dispostas a axudar aos demais. Faite voluntari@, a que esperas? é o título da campaña que está a levar a cabo a Concellaría de Benestar Social. A través desta iniciativa preténdese incentivar a participación e colaboración da veciñanza nalgún dos campos do voluntariado. Durante este mes de setembro irán abríndose os prazos de inscrición para as diferentes actividades que organiza a Oficina do Voluntariado de Ames.

Faite voluntari@, a que esperas? Este é o lema elixido pola Oficina do Voluntariado de Ames (OVA) para captar novos voluntarios/as de cara ao curso 2019-2020. Aínda que esta campaña de captación de voluntari@s está aberta durante todo o ano, durante estas semanas intensifícase co obxectivo de animar á cidadanía amesá a que participe nas actividades que se desenvolverán ao longo do vindeiro curso. Durante este mes de setembro irán abríndose os prazos de inscrición para as diferentes actividades que organiza a Oficina do Voluntariado de Ames.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, agradece o traballo desinteresado de todos os voluntarios e as voluntarias e destaca que "Ames é un referente no traballo de voluntariado dentro da comunidade galega". Ademais, Luísa Feijóo, “anima a toda a veciñanza amesá a sumarse a este proxecto no que xa hai arredor de 60 voluntarios/as”.

Todas as persoas maiores de 16 anos (xubilados, amas de casa, estudantes, persoas en activo...) con ganas de axudar aos demais, sen agardar unha compensación económica a cambio, poden ser voluntarios e voluntarias. Os campos de axuda son moi amplos e abertos. Tarefas tan comúns nas nosas vidas como facer a compra ou acudir a unha cita médica poden non resultar tan doadas para persoas maiores o con algunha discapacidade. Os voluntarios e voluntarias poden axudar a estas persoas nas súas actividades cotiás, o cal implica unha mellora na súa calidade de vida.

Ademais do acompañamento a persoas maiores e/ou persoas con discapacidade, os voluntarios e voluntarias poden dar clases de reforzo escolar a nenos e nenas, axudalos nos seus deberes, dar clases a persoas maiores que non saben ler nin escribir nas Escolas integrais de Bertamiráns e do Milladoiro, dar clases de español e galego para estranxeiros, colaborar no roupeiro municipal, impartir os obradoiros de ganchiillo; de patronaxe, corte e confección; de linguas; e de relaxación. Estas son algunhas das liñas de actuación e de acción voluntaria que a Concellaría de Benestar Social ten abertas, pero a oficina municipal de voluntariado está aberta a todas as propostas das persoas interesadas en dedicarlle un tempo a colectivos necesitados de axuda.

Banco de ideas
Neste novo curso que a caba de comenzar, a OVA quere poñer en marcha un Banco de ideas, onde as persoas que se acheguen ao voluntariado municipal poidan expoñer as súas inquedanzas, os seus proxectos e ideas e aplicalas, de selo caso, no ben común. Todos os retos que teñas no teu interior poderás compartilos coa xente que ten as túas mesmas inquietudes e xuntos/as facer un concello cada vez máis humano e solidario.

As persoas interesadas en colaborar coas actividades de axuda da OVA poden dirixirse á Oficina do Voluntariado, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns. Para máis información poden chamar ao 662 377 044, contactar a través do correo electrónico voluntariado@concellodeames.gal ou no Facebook da oficina do voluntariado.

Cartel da campaña Faite voluntari@, a que esperas?

Multimedia

  • Cartel da campaña Faite voluntari@, a que esperas?