- Tematica
A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Ames desenvolve de novo este verán, por sexta vez, un programa de voluntariado xuvenil. Nel participan oito mozas e mozos de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos. O equipo colabora na organización de distintas actividades municipais, como é o campamento urbano que se desenvolveu na Aula da Natureza. O programa enmárcase na convocatoria de subvencións da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e o seu obxectivo é a promoción de actividades que favorezan o desenvolvemento persoal e profesional das mozas e dos mozos que participan, ao mesmo tempo que eles e elas contribúen a mellorar a calidade de vida da comunidade.
Os oitos voluntarios e voluntarias teñen entre 16 e 30 anos. Eles e elas axudan colaborando con actividades e son os e as encargadas de colaborar no deseño, programación, execución e avaliación das actividades, sempre supervisados e en contacto cos e coas responsables da OMIX e da Aula da Natureza. Acompañan a nenas e nenos para que pasen unhas tardes divertidas, á vez que educativas na época de verán, a través de obradoiros, xogos e excursións sempre conectados co medio ambiente e a natureza. A Concellerira de Mocidade, Escarlata Pampín, e o Concelleiro de Obras, Blas García, achegáronse ata o campamento urbano e animaron aos voluntarios/as a seguir colaborando neste tipo de iniciativas xuvenís, e agradeceron o seu esforzo e implicación.
A través deste programa búscase apoiar a participación xuvenil da mocidade, reforzar o seu compromiso coa comunidade e formalos en actividades relacionadas co lecer e o medio ambiente. Isto último potenciará a súa capacitación e formación de cara a futuras oportunidades educativas ou laborais. O traballo realizado contribúe a aumentar as súas posibilidades laborais, ao valorarse positivamente as labores de voluntariado. O voluntariado fomenta, ademais, a creación de lazos sociais, o traballo en equipo e a interrelación entre iguais. Ao remate do programa de voluntariado as persoas participantes recibirán un certificado de accións voluntarias expedido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia.