Solapas principales

Once propostas conforman os actos do 8M do Concello de Ames, que se estenderán ao longo de marzo

Jueves, 24 de febrero de 2022

O Salón de Plenos da Casa do Concello acolleu está mañá a presentación da programación polo Día Internacional da Muller, o 8M, que se desenvolverá ao longo de todo o mes de marzo. Os departamentos de Igualdade, Promoción da Saúde, Cultura, Bibliotecas e Mocidade colaboran nun itinerario transversal e con propostas para todos os públicos. Presentacións, coloquios, actividades ao aire libre e obras de teatro acompañarán ao habitual acto institucional do día 8, coa novidade dun curso para empoderar e dar independencia a mulleres que sufriron violencia de xénero. O programa ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

O Concello de Ames presentou está mañá a súa programación especial co gallo do 8M, o Día Internacional da Muller, que suma once actividades propostas por tres concellarías diferentes, e que complementarán ao longo do mes de marzo ao habitual acto institucional do 8 de marzo, na Praza do Concello. Asistiron ao acto o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Igualdade, Luisa Feijóo; a concelleira de Cultura, Natividade González, e a concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, acompañados de Mónica Antelo e Soraya Añón, traballadoras do CIM.

“Máis que un día de celebración, segue a ser un día de reivindicación e de loita”, sinalou a concelleira de Igualdade, Luisa Feijóo, que indicou que a loita pola igualdade debe ser un traballo colectivo, mesmo de todos os departamentos do Concello. “A igualdade é transversal e podemos traballala dende calquera área do goberno municipal”, destacou Feijóo, que busca que as actividades, “pensadas para todos os públicos”, sirvan para “debater, compartir e reflexionar”.

Neste senso, a concelleira de Cultura, Natividade González, tamén destacou a transversalidade e as propostas dos departamentos de Cultura e Bibliotecas, nas que as protagonistas serán mulleres. “Dende Cultura, traemos tres obras de teatro que serven como homenaxe ás mulleres. En canto ás presentacións de libros, Inma López Silva é unha autora de referencia no noso país, e tamén quixemos axudar a Ana Veiga, unha escritora novel do Milladoiro, a que queremos apoiar con esa sororidade entre mulleres”.

Pola súa banda, a concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, sumouse aos parabéns polo programa e gabou de novo a colaboración entre departamentos. “Dende Mocidade pensamos en propoñer algo que tamén invitase á reflexión á xente máis nova, un formato fresco e novidoso. Oxalá que o 8M se converta nunha data de celebración, na que reflexionar e debater”.

O alcalde de Ames, Blas García, rematou insistindo na aposta de Ames pola igualdade. “No Concello de Ames sempre fomos unha referencia na loita e na defensa pola igualdade. Cada ano debemos ir máis alá, facendo máis actividades e tentando concienciar máis á nosa poboación”. Ademais, recordou que a igualdade é unha cuestión que afecta a todos e a todas. “Os homes debemos participar e colaborar máis nestes actos, tamén dende a mocidade, onde temos que empezar a concienciar de que todas e todos somos iguais”.

Programa de actividades

A primeira proposta desta programación conmemorativa terá lugar o xoves 3 de marzo. Ese día, o departamento de Bibliotecas organizará unha nova edición dos seus encontros literarios coa autora novel e veciña do Milladoiro Ana Veiga, que presentará a súa obra “La sonrisa permite respirar al alma”. Será no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 20:30 horas.

As propias bibliotecas lanzan tamén o seguinte día, o venres 4, e en colaboración coa Concellería de Mocidade, a proposta “O misterio das pintadas invisibles”. O alumnado da ESO de Ames recibirá nos seus centros educativos unha banda deseñada con temática relacionada coa igualdade, que tamén se compartirá por redes sociais.

Xa o sábado 5, recuperaranse as xornadas Acércate, orixinalmente programadas para comezos de decembro, e que se celebrarán na Casa da Cultura de Bertamiráns de 10:00 a 14:00 horas, coa presenza da debuxante, escritora e música Lola Vendetta.

O martes 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Concello de Ames celebrará un acto institucional na Praza do Concello, en Bertamiráns, ás 17:30 horas. Ao rematar a homenaxe, realizarase a ruta urbana 8M, un percorrido polas zonas verdes de Bertamiráns na que se destacan as historias de mulleres que loitaron pola igualdade.

Despois desta xornada conmemorativa, as actividades continuarán ata finais de marzo. Na mañá do sábado 12 de marzo retornará a carreira de obstáculos “Moitos camiños, mesma meta”, que xa se programara en 2020, e que se celebrará no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, de 11:00 a 13:00 horas. As inscricións xa están abertas para esta proposta, premendo nesta ligazón. Ao rematar, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, as bibliotecas organizarán a presentación da revista Mujerart Magazine.

A terceira semana de marzo arrincará “Mulleres de Ames en Rede”, unha das actividades de maior peso no programa, xa que está dirixida especialmente a mulleres que sufriron violencia de xénero e que se atopan nun estado de vulnerabilidade. Con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, desenvolverase un curso de dous meses en Agro do Medio, no antigo centro de saúde do Milladoiro,do 14 de marzo ao 25 de abril. Alí, profesionais da psicoloxía e do ámbito laboral tratarán de empoderar e recuperar a autoestima das mulleres participantes, así como buscarlles oportunidades laborais.

Pola súa banda, o mércores 16 as bibliotecas organizarán un novo encontro literario, nesta ocasión con Inma López Silva e a súa novela “O libro da filla”, Premio da Asociación de Críticos Literarios 2020. A presentación terá lugar, como é habitual, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 20:30 horas.

O itinerario do 8M rematará con tres obras de teatro na Casa da Cultura de Bertamiráns, que forman parte da programación de artes escénicas de Ames do primeiro semestre de ano. As entradas para as propostas, nas que se colabora coa Concellaría de Cultura, poden adquirirse xa na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

Asdomare”, un espectáculo sobre as mulleres do mar dirixido ao público infantil e familiar, terá lugar o xoves 17, ás 18:00 horas. O día seguinte, o venres 18 ás 20:30 horas, representarase “As que limpan”, unha comedia sobre as camareiras de piso e as súas reivindicacións. Por último, o venres 25, tamén ás 20:30 horas, falarase de sexualidade na obra “GOLFA”.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Once propuestas de Ames para un 8M «de reivindicación e loita»"

El Correo Gallego: "Empoderamento cun novo curso para recuperar a autoestima no 8M"

Enfoques: "Once propuestas conforman los actos del 8M en el concello de Ames"

AMSGO!: "Once propostas conforman os actos do 8M do Concello, que se estenderán ao longo de marzo"

Once propostas conforman os actos do 8M do Concello de Ames, que se estenderán ao longo de marzo
Descargas: 
295.27 KB
Actos do 8M 2022

Multimedia

  • Once propostas conforman os actos do 8M do Concello de Ames, que se estenderán ao longo de marzo
  • Once propostas conforman os actos do 8M do Concello de Ames, que se estenderán ao longo de marzo
  • Once propostas conforman os actos do 8M do Concello de Ames, que se estenderán ao longo de marzo