- Tematica
O Concello de Ames, a través do departamento de Promoción da saúde, organiza para o vindeiro venres, 4 de setembro, a andaina de serán “Activa o teu Outono”. O punto de encontro para as persoas que participen nesta actividade será o Pazo da Peregrina, ás 19.30 horas. A ruta iniciarase e rematará cunha sesión do método Corpo e consciencia, impartida por Martha Franco, na que se darán pautas sobre respirar, automasaxe, estirar, tonificación, detoxinar e relaxación. Para participar nesta actividade gratuíta ofértanse 30 prazas. Para inscribirse hai que enviar un correo electrónico ao enderezo promociondasaude@concellodeames.gal. As prazas cubriranse por orde de inscrición.
A través do programa Ames Saudable, dependente da Concellería de Benestar Social, -departamento de Promoción da Saúde-, trátase de realizar diferentes actividades para promover hábitos de vida saudable, entre os que están o exercicio físico, que redundan na saúde da veciñanza de Ames.
Deste xeito, para a primeira semana de setembro organízase unha andaina que sairá dende o Pazo da Peregrina. Os e as participantes camiñarán pola ruta que discorre pola marxe esquerda do rego dos Pasos. Esta senda peonil pasa polos lugares de Loureiros e Capeáns ata chegar ao muíño de Covas. Trátase dunha ruta circular polo que o punto de remate será no Pazo da Peregrina.
Sesión do método Corpo e consciencia
A ruta iniciarase e rematará cunha sesión do método Corpo e consciencia, impartida por Martha Franco, bailarina, profesora de danza e creadora del centro Gaira, na que se darán pautas sobre respirar, automasaxe, estirar, tonificación, detoxinar e relaxación. A realización de dita andaina a comezos do mes de setembro non é casual. A piques de rematar o verán e de entrar o outono, os días van perdendo luz, por iso se realiza esta andaina durante o serán.
Segundo explica Martha Franco na sesión de Corpo e consciencia, que se vai impartir antes da andaina, tratarase de espertar os sentidos dos/as participantes para que despois poidan gozar da andaina e da natureza. Ademais farase un axuste postural de cara a preparar o corpo para a andaina. Unha vez rematada a andaina farase unha nova sesión, tamén impartida por Martha Franco, de estiramentos e relaxación.
Exercicio de consciencia corporal
Martha Franco explica que “é moi importante respectar os biorritmos do corpo. Agora no outono entramos nunha estación na que os días van tendo menos luz ata chegar ao inverno. Durante este tempo as persoas vámonos recollendo e o noso metabolismo vai cambiando debido á perda de luz. Por iso é importante equilibrar a enerxía do noso corpo, para manter un equilibrio anímico e emocional. O obxectivo da sesión que imos facer antes da andaina é realizar un exercicio de consciencia corporal, para espertar todos os sentidos do noso corpo e poder desfrutar despois do paseo que imos facer pola natureza”.
Para participar nesta actividade gratuíta ofértanse 30 prazas. Para inscribirse hai que enviar un correo electrónico ao enderezo promociondasaude@concellodeames.gal. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Recoméndase levar calzado e roupa cómoda, roupa de abrigo para o final da actividade, unha esterilla ou toalla e unha lanterna.