- Tematica
Un total de 134 nenas e nenos do Concello de Ames traballan no programa Nadal Lúdico sobre a responsabilidade no consumo nunhas datas tan sinaladas como son as festas de Nadal. A través deste programa, que este ano comezou o 23 de decembro, o Concello de Ames procura axudar ás familias a compatibilizar a vida laboral e familiar ofrecendo actividades matinais ás crianzas do segundo ciclo de infantil e de educación primaria. Ademais o programa conta con servizo de Bos días e comedor.
O Nadal Lúdico conta este ano coa participación de 134 nenas e nenos, dos que 54 acoden en Bertamiráns e 80 no Milladoiro. Durante os días 23, 24, 26, 27, 30 e 31 de decembro e 2, 3 e 7 de xaneiro, os/as nenos/as inscritos/as están a realizar unha gran variedade de actividades e xogos en horario de 9.00 a 14.00 horas, excepto aqueles para os que se lle solicitou o servizo Bos Días, que comeza ás 7.30 horas, ou o servizo de comedor, que remata ás 16.00 horas.
Este ano, o programa traballa a través do lema “O Nadal está nas túas mans”, a través do cal se pretende orientar ás nenas e nenos sobre a responsabilidade no consumo, nunhas datas marcadas polos adornos e agasallos. Así, trabállase con dinámicas para a promoción do comercio local, a cultura participativa e de intercambio, a influencia da publicidade nos medios ou a reutilización de materiais. Todo isto, baixo a perspectiva de xénero, estando moi presente a través da publicidade como na elaboración de xoguetes sen xénero.
Promoción do consumo responsable
Unha das dinámicas que se levará a cabo é a promoción dun consumo responsable e a compra no comercio local a través dun mercado local propio. No lugar onde se desenvolva o curso, elixirase unha zona na que serán distribuídas diferentes fotografías e rótulos, creando pequenos comercios locais e tradicionais, como se de un pequeno barrio se tratase. Os nenos, recibirán en pequenos grupos unha lista da compra e unha cesta.
Desta maneira, converterase cada centro no que se está desenvolvendo o Nadal Lúdico nunha feira cooperativa de Nadal, fomentando a cultura participativa e de intercambios. Preténdese que os/as nenos/as recuperen valores como “saber compartir” e o “consumo responsable” fronte a acumulación e excesivo apego aos obxectos.
A influencia da publicidade nos medios
As rapazas e rapaces tamén traballarán sobre a influencia da publicidade nos medios coa dinámica da contra-publicidade. A través de tres anuncios de xoguetes emitidos na televisión, reflexionaran sobre que están vendo, se coñecen o produto, se o probaron, se é certo o que din en dito anuncio, se o anuncio vai orientado a eles ou non... etcétera.
Posteriormente, crearán a súa propia publicidade collendo un xoguete de refugallo de forma aleatoria, e deseñando unha publicidade similar á que puideron ver no inicio. As monitoras acompañarán ás nenas e nenos no proceso para guialos, reflexionando sobre as diferencias entre un anuncio e outro.
Reutilización de materiais
Ademais do xa mencionado anteriormente, de creación dun xoguete de refugallo e da súa posterior publicidade, a rapazada seguirá traballando noutras dinámicas que teñen como obxectivo demostrar a importancia de axudar ao planeta dándolle outra vida a algo que ía acabar no lixo.
A través do “Agasallo Viaxeiro”, os nenos e nenas elaborarán agasallos con materiais naturais e de refugallo para regalar a outro neno ou nena doutro centro no que se estea desenvolvendo o programa.
Asemade, aprenderán que unha caixa é unha fonte inesgotable de recursos para a súa diversión. Cos “ecoEnredos”, mostraránselles ás nenas e nenos diferentes alternativas de xogos con recursos que temos na propia casa, construíndo xoguetes e xogos que teñan un compoñente temático medioambiental e cooperativo. Xunto isto, realizarán un “Memory ambiental” no que todos colaborarán, debuxando a mesma escena relacionada coa educación ambiental en dúas fichas de cartón por participante.
Igualdade de xénero
Cómpre engadir que tamén estará moi presente a perspectiva de xénero, tanto a través da publicidade como na elaboración de xoguetes sen xénero.
É de vital importancia que as nenas e nenos conten cunha visión crítica sobre este tema, xa que o impacto dos medios de comunicación e a publicidade condiciona moito a opinión, facendo unha clara diferenciación de xénero segundo o tipo de produto que se queira vender, tanto na súa utilización como nas propias cores do xoguete.