Solapas principales

Os alcalde de Ames e Val do Dubra solicitaranlle á Xunta unha reforma integral da estrada AC-453 Roxos – Portomouro

Viernes, 30 de abril de 2021

O alcalde de Ames, Blas García, pechou esta mañá a ronda de contactos cos alcaldes de concellos limítrofes. Hoxe pola mañá mantivo unha xuntanza co alcalde de Val do Dubra, José Manuel Varela, e co primeiro tenente de Alcalde, Óscar del Río. En dita xuntanza abordáronse varios temas de vital importancia para ambos concellos como a mellora integral da estrada AC-453 Roxos – Portomouro; a necesidade de desbloquear a creación do parque comarcal de bombeiros que dea servizo a toda a comarca; e a posibilidade de realizar unha ruta de sendeirismo conxunta que discorra ao carón do río Tambre e que poida chegar ata Tapia.

Os alcaldes de Ames, Blas García, e de Val do Dubra, José Manuel Varela, coinciden na urxente necesidade de executar unha reforma integral da estrada AC-453, que une Roxos con Portomouro, para mellorar a seguridade viaria. Os rexedores municipais de Ames e de Val do Dubra falaron do estado de dita estrada e do perigo que implica circular por varios tramos da mesma, xa que hai zonas moi estreitas nas que hai pouca seguridade. Trátase dunha estrada que ten un alto volume de tráfico e pola que circulan un gran número de vehículos de gran tonelaxe.

Ambos alcaldes acordaron solicitarlle a Xunta de Galicia que estude unha reforma integral desta vía. Incidiron na necesidade de recuperar o proxecto que existía para a mellora da seguridade e maila ampliación de varios tramos da AC-453. Outra alternativa que ambos alcaldes plantexan é que, se non se recupera deito proxecto, a Consellería de Infraestruturas elabore un novo proxecto.

Parque comarcal de bombeiros
Outros dos asuntos tratados foi a necesidade de desbloquear a creación do parque comarcal de bombeiros que dea servizo a toda a comarca. Ames e Val do Dubra son dous dos Concellos, xunto con Boqueixón, Brión, Teo e Vedra, que lle solicitaron no pasado mes de febreiro ao Consorcio provincial contraincendios e salvamento da Coruña unha xuntanza na que tamén participen representantes do Consorcio, tanto da Xunta de Galicia como da Deputación de A Coruña, para abordar a situación actual do parque comarcal de bombeiros e coñecer a predisposición de ambos organismos á proposta da taxa de reposición compartida.

Tanto para Ames como para Val do Dubra o parque comarcal de bombeiros é un servizo indispensable que levan anos reclamando. Sobre este tema o alcalde de Ames, Blas García, que tamén é deputado provincial encargado dos servizos de emerxencias, dixo que “ambos alcaldes coincidimos na necesidade de darlle unha solución a este asunto. Todos os alcaldes dos Concellos implicados estamos de acordo, polo que agardamos que entre as diferentes institucións poidamos desbloquear este tema. Trátase dun servizo moi necesario para todos os concellos da comarca”.

Ruta de sendeirismo conxunta
Por último, trataron tamén sobre a posta en marcha de proxectos turísticos vinculados ao río Tambre. Deste xeito, falaron da posibilidade de realizar unha ruta de sendeirismo conxunta que discorra ao carón do río Tambre. Dita senda arrancaría no concello de Val do Dubra, pasaría polo concello da Baña, Ames e Brión. Este mesmo tema xa se tratou tamén na xuntanza mantida por Blas García co alcalde de Brión, Pablo Lago, para facer unha proposta de turismo ecosostible entre todos os concellos polos que discorre o río Tambre.

Tras esta xuntanza quedouse en seguir mantendo contacto entre ambos Concellos, para poder seguir abrindo vías de colaboración en futuros proxectos que poidan xurdir.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Blas García y José Manuel Varela piden una mejora integral de la carretera de Roxos a Portomouro"

El Correo Gallego: "Exigen una reforma vial ambiciosa para ir sin peligro a Dubra"

Compostela 24 horas: "Os alcalde de Ames e Val do Dubra solicitaranlle á Xunta unha reforma integral da estrada AC-453 Roxos – Portomouro"

Lindeiros: "Ames e Val do Dubra piden a reforma da estrada de Roxos a Portomouro"

Reunión co alcalde de Val do Dubra