Solapas principales

Os alcaldes de Ames, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira asinan un manifesto para solicitar a ampliación da zona libre de peaxes da área de Santiago ata Padrón

Martes, 25 de febrero de 2025

Os alcaldes dos Concellos de Ames, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira asinaron esta mañá no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, un manifesto reclamando a constitución dunha mesa de traballo entre o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostenible e os Concellos afectados directamente polas tarifas da AP-9, que teña como obxectivo final a gratuidade da mesma. Paralelamente, solicítanlle ao Ministerio que realice un estudo e determine un calendario para unha liberalización en fases da AP-9; e que se analice a posibilidade de ampliar a zona libre de peaxes da área de Santiago ata Padrón, facilitando o enlace gratuíto da AP-9 e a AG-11.

Blas García, alcalde de Ames; Anxo Arca, alcalde de Padrón; Xavier Castro, alcalde de Dodro; Julián Bustelo, alcalde de Rianxo; José Ramón Romero, alcalde de Boiro; José Carlos Vidal, alcalde da Pobra; e Luís Antonio Pérez, alcalde de Ribeira; asinaron hoxe un manifesto dirixido ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostenible insistindo na importancia de abordar esta situación dende unha perspectiva municipalista, apartidista e dende un punto de vista realista, poñendo ás persoas no centro do debate e articulando un plan en varias fases que teña como obxectivo final a gratuidade da autoestrada do atlántico.

O alcalde de Ames, Blas García, foi o encargado de tomar a palabra en primeiro lugar en representación do grupo dos sete Concellos que crearon unha fronte común co obxectivo de reclamar a gratuidade da AP-9. Blas García dixo “isto xorde dunha proposta feita polo Concello de Ames e á que se foron unindo os Concellos de Padrón, Dodro e mailo Concellos do Barbanza. O que pedimos é fundamentalmente dúas cousas; a primeira é que se nos teña en conta aos Concellos á hora de falar da liberalización ou gratuidade da AP-9, e por outro lado, pedimos que esa liberalización se faga dunha vez se é posible, e se non, que se comece polo tramo da peaxe de Padrón”.

O rexedor amesán continuou dicindo “as razóns son obvias, a comarca do Barbanza é unha peza fundamental da comunicación coa capital de Galicia e a maioría de coches que pasan por Padrón, Dodro e O Milladoiro, son vehículos que, no caso de ter liberada a peaxe, seguramente non cruzarían os nosos núcleos urbanos xa que son de fóra dos nosos respectivos concellos. Os datos que temos reflicten que só un terzo dos vehículos que cruzan O Milladoiro son desta localidade, o resto son vehículos que proceden de fóra. Dentro da política de humanizacións que se está acometendo, que ademais se recomenda por parte do Goberno central e de Europa, que mellor para favorecer esas humanizacións que dispor dunha AP-9 libre de peaxes”.

En representación dos Concellos do Barbanza interviu o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, que subliñou “a pesar de que a AP-9 non pase polo Barbanza, aos cidadáns e ás empresas da zona cáusanos unha serie de prexuízos, entendemos que no caso de que se revertera a situación, melloraría moito a nosa posición estratéxica e a competitividade das nosas empresas. Ademais o uso da estrada nacional causa diferentes problemas nos municipios e tamén supón un risco para os propios usuarios por temas de seguridade, xa sexa por deterioro ou por puntos perigosos da estrada”.

Manifesto vivo e aberto
Este é un documento vivo e aberto, susceptible de cambios e que permite a adhesión de todos aqueles concellos que compartan esta nova abordaxe para a liberalización da autoestrada AP-9. Neste senso, Blas García asegurou que con esta xuntanza “buscamos que todos aqueles Concellos que apoien a nosa proposta, que é a liberalización da AP-9 e crear unha mesa na que teñamos participación os Concellos, poidan sumarse a ela, sexan da provincia da Coruña ou de Pontevedra, porque é importante a unión entre nós”.

A través de dito manifesto solicítase a constitución dunha mesa de diálogo entre o Ministerio de Transportes e os Concellos afectados directamente polas tarifas da AP-9 que teña como obxectivo final a gratuidade da mesma. Ao mesmo tempo solicítanlle ao Ministerio que realice un estudo e determine un calendario para unha liberalización en fases da AP-9; e que se analice a posibilidade de ampliar a zona libre de peaxes da área de Santiago ata Padrón, facilitando o enlace gratuíto da AP-9 e a AG-11.

Os alcaldes de Ames, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira asinan un manifesto para solicitar a ampliación da zona libre de peaxes da área de Santiago ata Padrón

Multimedia

  • Os alcaldes de Ames, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira asinan un manifesto para solicitar a ampliación da zona libre de peaxes da área de Santiago ata Padrón
  • Os alcaldes de Ames, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira asinan un manifesto para solicitar a ampliación da zona libre de peaxes da área de Santiago ata Padrón
  • Os alcaldes de Ames, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira asinan un manifesto para solicitar a ampliación da zona libre de peaxes da área de Santiago ata Padrón
  • Os alcaldes de Ames, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira asinan un manifesto para solicitar a ampliación da zona libre de peaxes da área de Santiago ata Padrón