Solapas principales

Os amesáns Paula e Manuel Blanco proclámanse campións galegos de kickboxing

Viernes, 10 de marzo de 2023

Os irmáns Paula e Manuel Blanco, veciños de Ortoño, participaron a fin de semana do 25 e 26 de febreiro no Campionato Galego de Kickboxing, na modalidade “tatami sports”. Paula Blanco proclamouse campioa galega en “light contact” e subcampioa en “pointfighting”. Pola súa banda, o seu irmán pequeno, Manuel Blanco, logrou o título de campión na súa categoría en “pointfighting” e rematou segundo en “light contact”.

Paula e Manuel Blanco, veciños de Ortoño dende 2015, realizaron dúas grandes actuacións no Campionato Galego de Kickboxing celebrado durante a última fin de semana de febreiro. Os dous irmáns fixéronse con varias medallas nas categorías de light contact e pointfighting. Mentres que Paula logrou o ouro en light contact -55 kg, Manuel proclamouse campión en pointfighting -37 kg. Ambos obtiveron o segundo posto no pointfighting -55 kg e no light contact -37 kg, respectivamente.

Paula Blanco, que compite en categoría absoluta, entrou no mundo dos deportes de contacto aos 5 anos, cando empezou a practicar taekwondo como actividade extraescolar. Dende esta arte marcial deu o paso eventualmente ao kickboxing, unha disciplina máis dirixida á competición. No 2016 gañou o campionato de España na categoría previa á absoluta, e dende entón Blanco é considerada deportista galega de alto nivel, tendo logrado varios ouros nos campionatos autonómicos e estatais.

Pola súa parte, o seu irmán pequeno, Manuel Blanco, leva viaxando con Paula dende pequeno a diversos campionatos por toda a xeografía galega e española, o que o animou a practicar tamén este deporte e facerse tamén con numerosas medallas.

Os irmáns Paula e Manuel Blanco

Multimedia

  • Os amesáns Paula e Manuel Blanco proclámanse campións galegos de kickboxing