[27-07-2011] Nos meses de verán os accidentes de tráfico aumentan e, con eles, o número de operacións e transfusións. A solidariedade e colaboración cidadá é fundamental para garantir unha reserva axeitada nos bancos de sangue dos centros sanitarios. Todos e todas as amienses terán a oportunidade de colaborar doando sangue nas unidades móbiles o martes 26 de xullo en Bertamiráns e o xoves 28 de xullo no Milladoiro. O Concello de Ames e o Centro de Transfusión de Galicia (CTG) impulsan esta iniciativa encamiñada a promover a participación dos veciños e veciñas nas campañas de doazón, e deste xeito garantir a labor asistencial nos centros sanitarios galegos, que van a precisar ao redor de 500 doazóns diarias de sangue nos meses de verán.
O Centro de Transfusión de Galicia achega persoal sanitario ata Bertamiráns e o Milladoiro para proceder ás doazóns que garantirán un futuro desenvolvemento correcto na labor asistencial dos centros sanitarios galegos. A unidade móbil permanecerá hoxe martes na avenida da Mahía en Bertamiráns, e o próximo xoves día 26 estará na rúa Curuxa do Milladoiro, no horario de 9:30 ás 14:30 e de 15:30 ás 21:00 da noite en ambos días. A unidade móbil tamén estará no mes de agosto en Ames, o 23 en Bertamiráns e o 25 en Milladoiro.
Terceiro punto de doazón
O concello de Ames está estudando posibilidade de establecer un terceiro punto de doazón de sangue no rural. Con isto, ademais de ir a Bertamiráns e Milladoiro, a unidade móbil achegaríase unha vez ao mes a unha parroquia, alternando as parroquias en meses distintos.
En Ames hai un bo número de de doazóns, o obxectivo é manter o nivel de participación para que o municipio siga sendo un dos máis solidarios de Galicia. Inténtase así colaborar coa labor asistencial nos centros sanitarios galegos, que van a precisar ao redor de 40.000 doazóns de sangue nos meses de verán e 500 doazón diarias.
A doazón de sangue é un xesto desinteresado que debe facerse por vontade propia. Porén, existen unha serie de requisitos motivados pola necesidade de protexer a saúde do doador e do receptor como ter máis de 18 anos, pesar máis de 50 quilos, sentirse ben, ter comido e non ter doado sangue nos últimos dous meses.
Os homes poden doar 4 veces ao ano e as mulleres 3. Partindo destes requisitos mínimos, establécense unha serie de condicións que permiten ou non a doazón. Os enfermos de hepatite B ou C, SIDA, Sífilis e todas aquelas enfermidades que se transmiten por vía sanguínea non poden ser doadores. Tampouco poden persoas diabéticas, epilépticos ou persoas con enfermidades graves. En todo caso, o médico é sempre quen decide despois do recoñecemento oportuno.
Tan só quince minutos do teu tempo poden resolver moitos problemas de saúde ou salvar vidas. Á hora de doar, non debes acudir sen almorzar e despois do xantar é preciso agardar dúas horas. De todos modos, o persoal sanitario revisará o teu estado de saúde. O material utilizado será estéril e dun só uso. Na doazón non existe ningún tipo de risco de contraer enfermidades transmisibles polo sangue. Da túa doazón obtéñense tres compoñentes sanguíneos que se utilizan para diferentes problemas da saúde.
O Concello de Ames e o Centro de Transfusión de Galicia fan un chamamento á participación de todos os veciños e veciñas nas campañas de doazón de sangue. Un acto de solidariedade e compromiso social que adquire unha relevancia especial en épocas de vacacións. Trátase dunha acción coa cal se poden salvar moitas vidas.