Solapas principales

Os animais toman a EIM O Bosque durante o mes da mascota

Martes, 09 de abril de 2019

A escola infantil municipal O Bosque adicou o mes de marzo a coñecer a fondo o mundo animal a través de diversas actividades, coas que os cativos e cativas se achegaron ás distintas especies coas que convivimos no planeta. Entre as actividades desenroladas, algúns pais e nais achegáronse á escola coas súas mascotas nunha serie de encontros nos que falaron sobre os coidados que requiren os animais que conviven con persoas. Os nenos e nenas tamén recibiron a visita de catro membros de Bocalán Galicia, durante a que dúas monitoras do centro explicaron en que consiste a asistencia con animais e realizaron unha demostración coas cadeliñas Nicole e Mulán.

A EIM O Bosque celebrou en marzo o mes da mascota. Para conmemorar esta celebración, durante este mes os nenos e nenas participaron en distintas actividades para coñecer a importante función que desempeñan os animais no ecosistema. Así mesmo, o alumnado foi testemuña directa da relación que xurde entre persoas e animais cando ambas especies conviven.

Por este motivo, ao longo do mes foron varias as nais e pais de alumnos os que se achegaron ata o centro acompañados das súas mascotas. Durante estas visitas, o alumnado puido coñecer de primeira man a alimentación e os coidados que requiren estes animais, así como os seus xogos preferidos e varias curiosidades sobre a convivencia con eles. Entre os protagonistas destas sesións houbo peixes, cans ou cobaias.

Por outra banda, os cativos e cativas tamén recibiron a visita de catro membros de Bocalán Galicia, unha entidade de carácter social adicada a mellorar a calidade de vida de persoas en situacións de discapacidade ou desvantaxe social a través do estudo da conduta e a posta en marcha de programas de cans de asistencia, cans de terapia e educación asistida con animais. Durante esta xornada, dúas monitoras do centro canino explicaron en que consiste a educación de animais e como benefician estes a persoas con necesidades especiais. Para rematar, Mulán e Nicole, dúas das cadelas do centro, realizaron xunto ás súas monitoras unha demostración que sorprendeu a nenos/as e profesores.

Visita a unha granxa bovina
Para concluír este bloque temático, o 21 de marzo os nenos e nenas realizaron unha visita á granxa Isaura Rivas y J. Villaverde S.C., destinada á produción de leite e situada na Escravitude, no concello de Padrón. Durante a excursión, coñeceron ás vacas e tenreiros que habitan as instalacións e puideron ver onde dormen, cal é a súa alimentación e como é a súa rutina. Asemade, puideron coñecer de primeira man como se moxen as vacas e o proceso que o leite ten que seguir dende que se obtén ata que se vende.

Os animais toman a EIM O Bosque durante o mes da mascota

Multimedia

  • Os animais toman a EIM O Bosque durante o mes da mascota
  • Os animais toman a EIM O Bosque durante o mes da mascota
  • Os animais toman a EIM O Bosque durante o mes da mascota
  • Os animais toman a EIM O Bosque durante o mes da mascota