- Tematica
En conmemoración do Día Mundial da Alimentación o vindeiro venres 16 de outubro, os comedores escolares do Concello únense a campaña “Come Local”. A través desta iniciativa preténdese promover o consumo de produtos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade. O concelleiro de Educación, David Santomil, reuniuse coa Presidenta da asociación Slow Food Compostela para establecer as propostas de educación alimentaria. Durante o mes de outubro organizarase un concurso de cartaces da FAO, unha charla formativa e unha degustación de produtos dos consellos reguladores de Galicia.
O vindeiro venres 16 de outubro a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) conmemora o Día Mundial da Alimentación. O Concello de Ames sumarase á campaña "Come Local" nos comedores escolares municipais coa finalidade de destacar a importancia da educación alimentaria e a utilización de produtos de proximidade certificados polos consellos reguladores de Galicia.
O concelleiro de Educación, David Santomil reuniuse con Leonor Lorenzo e Rocío García, Presidenta e Secretaria da asociación Slow Food Compostela, para presentar a campaña "Come Local" e establecer un calendario no que realizar as actividades de educación alimentaria.
Santomil asegurou que a aposta polos produtos e os provedores locais nos comedores escolares municipais de Ames é parte da identidade dos servizos complementarios de educación. “Queremos por en valor esta realidade coa adhesión á campaña “Come Local” e seguir a favorecer o desenvolvemento endóxeno, con produtos de proximidade e de calidade. Ademais dos produtos galegos habituais introduciremos novidades neste curso escolar en colaboración cos consellos reguladores”, afirmou o concelleiro de Educación.
Deste xeito, acordouse que durante o primeiro trimestre do curso escolar introduciranse nos menús dos comedores escolares municipais de Ames diferentes produtos galegos dos consellos reguladores. Polo tanto, incorporaranse ás dietas alimentos como o queixo, o mel, carne, pan, patacas ou fabas, entre outros produtos de tempada, que veñen a sumarse aos xa ofrecidos habitualmente polos provedores locais. Ademais, “Come Local” organiza unha degustación, un concurso de debuxo de cartaces para a FAO e actividades formativas non presenciais para dar a coñecer os produtos galegos entre o alumnado dos centros escolares de infantil e primaria.
Slow Food
A campaña da Xunta de Galicia “Come Local” lévase a cabo coa colaboración da asociación Slow Food Compostela. O movemento internacional Slow Food, emerxido en Italia nos anos 90, contraponse á estandarización do gusto na gastromonía e promove a difusión dunha nova filosofía que combina pracer e coñecementos. O obxectivo é salvagardar as tradicións gastronómicas rexionais, con os seus produtos e métodos de cultivo. Slow Food aboga por reducir o consumo de comida rápida para cederlle protagonismo á comida boa e xusta.
Comedores Km 0
Outro dos asuntos comentados na xuntanza foi o interese do Concello de Ames por acreditar os comedores escolares municipais como "Comedor Km 0" (quilómetro cero). Trátase dun proxecto organizado por Slow Food Compostela para facilitar o cambio da xestión dos comedores para que transmitan unha cultura agroalimentaria aos rapaces e rapazas desde pequenos. Esta rede, á que pertencen 4 centros educativos galegos, certifica a proximidade dos produtos de alimentación e dos seus provedores. Deste xeito, avaliarase a trazabilidade dos produtos de alimentación utilizados na elaboración dos menús nas dúas cociñas situadas na EEI do Milladoiro e no CEIP Agro do Muíño, así como nas escolas infantís municipais EIM O Bosque e EIM Madalena.